Desenvolven un novo tipo de chícharo que facilita a absorción das proteínas

As leguminosas conteñen substancias que dificultan a dixestión de proteínas. Unha investigación do CSIC soluciona o problema.

Publicidade
Desenvolven un novo tipo de chícharo que facilita a absorción das proteínas

O chícharo é válido tanto para alimentación humana como animal.

Os chícharos e outras leguminosas tales como o garavanzo, a lentella ou a soia, conteñen inhibidores de proteasas que bloquean a dixestión das proteínas, dificultando a súa absorción intestinal. Estudos nutricionais previos levados a cabo con polos broiler (alimentados a grande escala para a produción específica de carne) mostraron que elevadas concentracións destes inhibidores na dieta poden reducir a dispoñibilidade de proteínas nun 10%.

Agora, un equipo de investigación internacional con participación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) obtivo chícharos que facilitan a dixestión de proteínas e que poden ser utilizados de xeito máis eficaz na elaboración de pensos para animais.

Elevadas concentracións dos inhibidores proteicos na dieta poden reducir a dispoñibilidade de proteínas nun 10%

“Os investigadores obtiveron chícharos que presentan un contido reducido ou nulo destes inhibidores de proteasas, o cal foi perseguido durante moito tempo tanto por melloradores de plantas coma por fabricantes de pensos”, segundo explica Alfonso Clemente, investigador do CSIC.

Mutacións presentes nos inhibidores
Neste traballo publicado na revista PLoS ONE, os autores investigaron se mutacións inducidas ou naturais presentes nos inhibidores de proteasas poden ser explotadas para mellorar a calidade das sementes de chícharo.

“Así, identificamos e estudado liñas de chícharo que presentan mutacións puntuais”. sinala Clemente, quen engade que das tres mutacións inducidas estudadas, “unha delas imposibilita a capacidade das proteínas estudadas de inhibir ás proteasas dixestivas, tripsina e quimotripsina”.

Os chícharos, que non foron obtidos mediante modificación xenética, poderían estar en 5 anos no mercado

Os resultados obtidos, segundo os científicos permitiron afondar na relación existente entre estrutura proteica e actividade inhibidora de proteasas que puidese influír na calidade da semente de chícharo.

Liña silvestre de chícharo
Así mesmo, describiuse unha liña silvestre de chícharo que ao ter mudados dous xenes, que codifican inhibidores maioritarios da semente de chícharo, carece de actividade inhibidora. Esta liña mutante silvestre (Pisum elatius) foi cruzada satisfactoriamente coa especie cultivada (Pisum sativum).

“Estes chícharos non difiren sensorialmente dos convencionais, teñen mellorada a súa dixestibilidade proteica e o feito de que non fosen obtidos mediante modificación xenética permitiríalles estar no mercado nun período de tempo non superior a cinco anos”, sinala o investigador.

Clemente conclúe que estas técnicas, “poderían ser estendidas a outras proteínas vexetais, que puidesen presentar efectos nutricionais negativos, tales como os alérgenos, ademais de mellorar a calidade das sementes de leguminosas destinadas a nutrición animal e humana”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información