Cea celebra esta fin de semana a Festa de Exaltación do seu pan

Prevén poñer á venda 4.000 pezas de pan durante a xornada festiva. O sábado organizan unha ruta para degustar petiscos en 5 fornos tradicionais

Publicidade
Cea celebra esta fin de semana a Festa de Exaltación do seu pan

Rodríguez, Baltar e Valladares na presentación da XXVIII Festa de Exaltación do Pan de Cea.

O Concello de San Cristovo de Cea (Ourense) prepara para esta fin de semana unha programación arredor do seu pan. A xornada grande será o domingo, día 7 de xullo, no que se celebra a XXVIII Festa de Exaltación do Pan de Cea.

Nesta xornada festiva, O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, prevé superar un novo récord de vendas. “O ano pasado quedamos a mediodía sen existencias, polo que, nesta ocasión poñeremos a disposición do público preto de 4.000 pezas de pan”, comenta Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador, durante a presentación da festa, na que tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.

O programa de actos do domingo comezará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo de varias charangas. Xa ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. A continuación, o cantante Dani Ríos, coñecido pola súa participación no programa Luar da Televisión de Galicia, exercerá como pregoeiro.

O cantante Dani Ríos exercerá como pregoeiro

A continuación haberá unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e a charanga Castro Bello e Troula Group encargaranse da amenización musical.

Ás 14.30 horas celebrarán o tradicional xantar no que estiman que participen unhas 500 persoas. O fin de festa poñerano a charanga Terra de Trives, Os Charaviscas e Pepe Vaamonde Trío, que comezarán as súas actuacións a partir das 17.00 horas.

Ademais, durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo con 20 empresas de diversos sectores. Tamén contarán cun stand institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Ruta dos Fornos

Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 7, o sábado celebrarase a sexta edición da Ruta dos Fornos. O público poderá visitar os 5 fornos participantes onde, por un prezo de 10 euros, poderán degustar diferentes petiscos.

A Ruta poderase percorrer entre as 18.30 e as 22.00 horas. As propostas gastronómicas nos cinco fornos participantes son as seguintes:

Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega, Pementos da DOPs de Galicia, Mexillón ao vapor, embutidos tradicionais, troitas, viño branco e tinto, cervexa e auga

Forno do Parapeta: xamón ao corte, queixo DOP Arzúa-Ulloa, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga

Forno do Santo: empanada de Pan de Cea con IXP Ternera Gallega, Queixo Tetilla DOP, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga

Forno do Abade: mexillón ao vapor, tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga

Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto (apto para persoas celíacas)

Para completar a ruta contarán coa animación musical das agrupacións Airiños do Coto (Entrimo), Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras Ferreñas do Monte (O Irixo) e Pandereteiras Ponte da Prata (Botos-Lalín). A verbena correrá a cargo do grupo De perdido al Trío (que actuarán no Forno da Cebola ás 20.00 horas) e Gin Toni’s, que actuará na Praza Maior de San Cristovo de Cea ás 22.30 horas.

Incremento da produción

Con respecto á comercialización de produtos da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez indicou que “aumentamos a produción un 3% con respecto ao ano 2017, chegando case ás 700.000 pezas”.

Este incremento débese a “unha maior demanda dos nosos produtos amparados por parte doutras rexións españolas, como Comunidade Valenciana e Andalucía, aínda que seguimos mantendo presenza nos nosos mercados habituais en Madrid, País Vasco e Cataluña”, explicou o presidente.

Na actualidade, son 17 os fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador, os mesmos que o ano pasado.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información