Nelson-Carabunhas-Sabugueiro-

Carabuñas, o aproveitamento gourmet do sabugueiro

En Veigas de Sabugueiro levan máis de catro anos elaborando conservas, licores e mesmo cervexa a base do froito e as flores deste arbusto con gran presenza en Galicia pero moi pouco aproveitado. Falamos con Nelson e Eva, os impulsores desta proposta innovadora

Nelson Alonso e Eva González son xa para moitos ‘Os do Sabugueiro’ logo de que nos últimos anos impulsaran un proxecto innovador e artesanal, Veigas de Sabugueiro, centrado no aproveitamento e coñecemento deste arbusto caducifolio con gran presenza en Galicia.

Cando comezaron a elaborar marmeladas de forma experimental no 2011, o sabugueiro era un máis dos sabores cos que traballaban. Pronto se decataron de que era o que máis chamaba a atención a cantos lle comentaban o seu proxecto e no 2014 decidiron centrarse nel. “Coñecíamos o sabugueiro silvestre e démonos conta do abundante que é, sobre todo nas ribeiras, e do pouco aproveitado que está”, comenta Nelson.

Elaboran marmeladas, xeleas, licores e mesmo cervexa a base do froito do sabugueiro e tamén coas flores

Foi entón cando empezaron a investigar sobre o sabugueiro e comezaron a ver que no resto de Europa se estaba a empregar moito, sobre todo en alimentación e farmacéutica. Así foron buscando as súas receitas propias e hoxe elaboran marmelada a base das vagas do sabugueiro pero tamén combinadas con laranxa e mazá. Empregando o froito tamén preparan licor e mesmo cervexa. Para esta última, eles axustaron as proporcións dos ingredientes e unha firma cervexeira encárgase de preparala.

produtos-carabunhas-

Algúns dos produtos que elaboran con sabugueiro.

Comezaron coas vagas, pero pouco a pouco tamén foron experimentando coas flores e agora xa elaboran tamén unha xelea de flor. “Ten un sabor moi rico e peculiar, é moi delicada e aromática por iso permite unha maridaxe perfecta con queixos ou iogures”, apunta Nelson. Precisamente esta xelea serviulles para lograr a distinción como ‘Sabor máis orixinal’ do Forum Gastronómico da Coruña no 2017.

No seu pequeno taller, situado en Sanguñedo, no municipio ourensán de Vilar de Santos, Eva e Nelson elaboran de xeito artesanal as súas conservas, que comercializan baixo o nome de Carabuñas, unha palabra galega “moi en desuso na nosa zona e que nos pareceu moi apropiado para o noso produto”, argumenta.

Dende un principio tiveron claro tamén que querían ofrecer un produto ecolóxico por iso tamén o resto dos ingredientes como as mazás ou as laranxas proceden deste tipo de produción así como o espesante mariño que empregan conta con esta distinción ou o azucre de caña. O proceso para conseguir que as súas conservas tamén recibiran esta distinción foi arduo ó utilizar unha materia prima silvestre, porén, na actualidade contan xa co selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia (Craega).

flor-sabugueiro-

Flor do sabugueiro

A flor do sabugueiro, a súa aposta de futuro

Á par de estar inmersos na elaboración de conservas e licores a base do sabugueiro, esta parella de emprendedores buscaban unha alternativa de futuro apegada ó rural, por iso decidiron comezar a plantar os seus propios sabugueiros para contar cunha produción estable. Polo do momento teñen xa dúas hectáreas de terreo da variedade de sambucus nigra adaptada ó clima de Galicia e que tamén abonda no norte de Portugal.

Cos arbustos xa plantados, agardan que comecen a producir en dous anos, logo dun período de moita investigación e documentación. “Ó ser un cultivo que non se desenvolve de xeito profesional en Galicia tivemos que investigar sobre moitos aspectos, como o marco de plantación ideal, as mellores condicións para a súa plantación… porque non hai nada feito neste campo en Galicia”, detalla Nelson.

A plantación permitiralles centrarse na flor, a súa aposta a longo prazo e de futuro. Polo de agora empregan a flor só para a elaboración de xeleas, pero a intención é comercializala e proporcionárllela a outros mercados. As flores, que se recollen no mes de maio, son un produto moi delicado e que se valora en fresco, polo que a súa recolleita debe ser rápida e precisan contar cun transporte refrixerado para evitar que se deteriore. Por estes motivos, polo de agora non están a comercializala. Neste senso agardan poder ampliar a plantación ata as 8 ou 9 hectáreas.

Produto de calidade grazas ás horas de sol

En canto ás vagas, ‘o caviar ou as perlas da terra’ a súa recolleita lévana a cabo nos meses de agosto e setembro, cando está madura e sométena a un proceso de ultraconxelado que lles permite empregala pouco a pouco. Só aproveitan a polpa para conseguir unha textura suave. Xa alcanzaron unha produción de en torno ás 15.000 marmeladas e están a centrar os seus esforzos en posicionar o sabugueiro e os seus produtos. “Cando a xente doutros países onde xa se comercializan produtos a base de sabugueiro proban os nosos sempre comentan que son moi ricos, e de calidade. As horas de sol que temos con respecto á outras zonas apórtanlle máis sabor”, puntualiza o artesán.

Vagas de sabugueiro maduras.

Vagas de sabugueiro maduras.

Pouco a pouco os seus produtos comezan a saír cara a mercados internacionais como Portugal, Suecia ou Inglaterra. “Cando comezamos propuxémonos que os primeiros anos, ata o de agora, estarían enfocados a formarnos e ir dando a coñecer os nosos produtos”, comenta Nelson. Agora atópanse case no punto de equilibrio para que o proxecto sexa rendible e poder centrarse só nel, xa que ata o de agora combinábano con outras actividades. Neste tempo, botaron man de programas de formación da Fundación Juana de Vega e tamén da proposta Agrobiotech impulsado polo Parque Tecnolóxico de Galicia.

Boa parte deste proceso de aprendizaxe foi sufragado por financiación propia e cunha subvención por incorporación ó campo. En parte por iso, “estes recoñecementos que tivemos son tan importantes para nós, xa que ó ser unha empresa pequena e contar cunha reducida financiación é moito máis difícil logralo ó estar competindo con outras de maior tamaño e capacidade”, matiza. Cabe destacar que, recentemente recibiron tamén a distinción do Agader no apartado agrogandeiro, que “tamén supón unha aportación económica que nos axuda a seguir”, concreta.

Deixar atrás os prexuízos contra o sabugueiro

Nelson e Eva quixeron non só elaborar conservas a base de sabugueiro senón argallar un proxecto integral arredor deste arbusto por iso contan con catro liñas de acción nas que están a traballar. Xunto á alimentación e de xeito moi paralelo abordaron a investigación pero tamén apostan pola divulgación da cultura xerada arredor do sabugueiro e polo seu cultivo.

Nelso-Eva-flor-sabugueiro-Allariz-

Eva, Nelson e o seu pequeno Cibrán recollen flores de sabugueiro silvestre.

Neste camiño a prol do sabugueiro tamén tiveron que superar as desconfianzas que en Galicia, o seu principal mercado, supón o consumo dos froitos do sabugueiro, xa que estivo máis asociado a usos menciñeiros ca alimenticios. “As limitacións das vagas do sabugueiro fronte a outros froitos silvestres como poden ser os arandos é que non se poden inxerir directamente, sen cociñalas antes, xa que en cru son tóxicas”, aclara Nelson. Unha vez cociñadas, as vagas son un aporte de vitamina C e antioxidantes que moitos descoñecen.

Venta directa e en tendas especializadas

O 80% dos produtos de Veigas de Sabugueiro teñen como destino o mercado galego. Contan xa con puntos de comercialización repartidos por toda Galicia. Na súa maioría trátase de tendas especializadas en produtos gourmet. Tamén están xa comercializándoos en cidades como Madrid ou Barcelona ou en puntos do País Vasco. Á marxe da venta física contan cunha tenda online na que tamén se poden adquirir as súas conservas. “Estamos traballando en renovar a nosa web para facela máis accesible e cómoda”, concreta Nelson e agardan ter dispoñible o novo deseño para finais de ano.