“As campañas contra o consumo de leite parten dunha base pseudocientífica”

Entrevista a Pilar Matía, coordinadora do Grupo de Nutrición da Sociedade de Endocrinoloxía, Nutrición e Diabetes da Comunidade de Madrid. Recentemente participou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Publicidade
“As campañas contra o consumo de leite parten dunha base pseudocientífica”

Pilar Matía

O descenso do consumo de leite en España é unha preocupación do sector lácteo, con caídas importantes, sobre todo no leite líquido enteiro, e principalmente nas novas xeracións. As súas causas e as súas consecuencias foron analizadas nas xornadas de Seragro pola endocrinóloga Pilar Matía Martín, coordinadora do Grupo de Nutrición da Sociedade de Endocrinoloxía, Nutrición e Diabetes da Comunidade de Madrid.

Por que se está deostando nos últimos anos o consumo de leite e de derivados lácteos?
Hai unha corrente moi naturalista en toda a sociedade, de forma que todo alimento que é máis natural, que non se procesa e que non se trata parece que é máis recomendable. Neste sentido, favorecéronse máis as bebidas de leites vexetais, que están á alza.

Por outra banda, hai moita literatura na que cunha base moi pseudocientífica fanse afirmacións que calan moi fondo na poboación. Ademais, cada vez máis hai un tendencia maior a diagnosticar intolerancia á lactosa, ás veces sen test ben establecidos, que está a provocar que moita xente deixe de tomala. É dicir, a partir de informacións parciais está a confundirse á poboación no relativo ao consumo de leite.

Os críticos co consumo de leite de vaca din que tomar leite despois da lactación é algo antinatural..
O consumo de leite empezou desde que o home empezou a ser gandeiro e diso xa hai testemuños en Mesopotamia. Por tanto, parece pouco probable que un produto cuxo consumo estivo vixente durante miles de anos sexa malo para a saúde. De feito, nos países do Norte de Europa, cun gran desenvolvemento económico e boa esperanza de vida, o consumo de leite é dos máis elevados.

Que hai de mito e de realidade na crecente intolerancia á lactosa?
Existe esa intolerancia pero é moi variable segundo as áreas xeográficas do mundo. Existen dúas teorías: que algunhas poboacións humanas desenvolveron o xene da lactasa e iso permitiulles seguir consumindo leite e consumila de forma habitual, sobre todo en períodos de fame negra. A outra é que de forma xeral, esa mutación na persistencia da lactasa a longo prazo tamén produciu algúns beneficios para unha estirpe de seres humanos que se mantiveron máis tempo.

 “Hai un tendencia a diagnosticar intolerancia á lactosa, ás veces sen test ben establecidos”

É verdade que existe gran variedade xeográfica de intolerancia á lactosa e existe tamén algunha intolerancia á lactosa conxénita, que é moi pouco frecuente. A lactasa, esa encima que rompe a lactosa, vaise perdendo ao longo da idade, pero cantidades moderadas de lactosa pódense consumir.

En países da nosa contorna fálase de intolerancia á lactosa do 40-50%, cun 20-40% no norte de España e Europa e un 40-60% no sur de España. Pero os test non son fáciles de realizar e a intolerancia non sempre é total. É dicir, un 50% de actividade de lactasa xa permite tomar lactosa. E en países de Asia e do sur do continente africano, nos que non é habitual consumir leite de animais, a prevalencia da intolerancia pode subir a máis do 80%.

Que beneficios achega á saúde o consumo de leite?
O leite para nós, en Europa, é a principal fonte de calcio. En xeral, hai diferentes recomendacións por grupos de idade. Así, durante a infancia e adolescencia é outra fonte de nutrientes moi importante. Unha vez que se estableceu o pico de masa ósea na idade adulta axuda a mantelo e en persoas maiores proporciona unha cantidade importante de proteínas e de auga, algo importante xa que moitos pacientes maiores non se hidratan ben xa que non teñen sede.

“É moi importante o consumo de leite pola súa achega de calcio e de proteínas de alto valor”

En resumo, o leite achega sobre todo calcio e proteínas de alto valor biolóxico que na idade adulta pódese compensar doutra maneira, pero que en grupos de idade definidos -infancia, adolescencia, persoas maiores- é moi difícil.

Por iso, débese incidir no consumo de leite na adolescencia, no embarazo e a lactación, en mulleres a partir da menopausa e en persoas maiores.

Outra crítica que se fai aos lácteos é que son prexudiciais para o colesterol e enfermidades cardiovasculares. Que hai de certo?
En principio, non hai unha evidencia total. O que non podemos ir é en contra das guías de práctica clínica habitual e do que nos din as grandes entidades científicas, que nos recomendan en pacientes con risco cardiovascular consumir lácteos, pero sobre todo desnatados.

Si que é verdade que estudos que se están realizando a nivel preliminar conclúen que a graxa do leite non resulta tan prexudicial para a composición de lípidos no noso organismo e que non aumentan o risco vascular. En todo caso, de momento non podemos recomendar, ata que se realicen estudos con maior evidencia clínica, o consumo de leite enteiro para os pacientes con risco cardiovascular. En estudos con derivados lácteos como leites fermentadas se se observou unha redución do risco cardiovascular nalgúns contextos.

Por outra banda, un patrón dietético moi recomendado é o consumo de froitas e verduras con lácteos desnatados, xa que nos pacientes observouse unha redución da presión arterial.

Por último, Que lles diría a aquelas persoas que aseguran que o consumo de lácteos é prexudicial e antinatural no ser humano?
O leite é un produto que ten moitos nutrientes, que se pode tomar de moitas maneiras e adaptados a distintas idades. É un alimento máis, que se debe consumir nunha dieta equilibrada e saudable, e probablemente no futura descúbranse aspectos máis beneficiosos do seu consumo.

E no aspecto da nutrición clínica, o leite é unha moi boa fonte de nutrientes e de fácil acceso para persoas enfermas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información