Abadín celebra o 17 deste mes unha nova edición de Expogrelo

A cita, que chega á súa 13 edición, reúne no recinto feiral de Gontán a 20 produtores locais da IXP Grelos de Galicia e contará coa tradicional degustación de caldo e empatada de grelos 

Publicidade
Abadín celebra o 17 deste mes unha nova edición de Expogrelo

O vindeiro 17 de febreiro o recinto feiral de Gontán, en Abadín, acollerá unha nova edición de Expogrelo, unha das citas por excelencia do calendario festivo invernal da Terra Cha. Coincidindo coa época de recollida e maior consumo deste produto, que non pode faltar en pratos como o caldo ou os cocidos de Entroido, o Concello de Abadín organiza esta feira que serve para que os 20 produtores locais de grelos existentes no municipio dean saída ao seu produto, empaquetado en mollos dun quilo e etiquetado baixo a IXP Grelos de Galicia. O certame, que se inicia a partir das 10 da mañá coa apertura do recinto feiral, tamén asegura un prezo fixo aos produtores, xa que os grelos véndense a un euro o quilo. Cada greleiro aportará uns 100 quilos de produto, polo que se agarda comercializar uns 2.000 quilos.

Pero ademais da parte de venda e apoio á produción local, Expogrelo, que chega este ano á súa 13 edición, serve tamén para mostrar as distintas preparacións que se poden facer con esta hortaliza moi presente na maioría das parroquias do concello. Por iso, dentro do programa da feira tamén haberá música, premios e a xa tradicional degustación gratuita de caldo e empanada de grelos, que o público asistente terá posibilidade de probar en distintas preparacións, cos grelos combinados con liscos, bacallao ou zorza, segundo as elaboracións de distintas panadarías da zona. A cita gastronómica terá lugar a partir das 12 e media da mañá e coma cada ano haberá unha cunca especial na que tomar o caldo e que se poderá levar para a casa de recordo. A organización preparará unhas 700 racións de caldo para repartir entre os asistentes.

Ademais dos 20 produtores de grelo locais, Expogrelo citará a uns 40 postos de artesanía e poranse á venda tamén outros produtos da casa, como ovos ou queixos, ademais de embutidos e outros produtos da matanza, como chourizos, lacóns ou cachuchas. Expogrelo coincide coa feira que cada primeiro e terceiro sábado de mes se fai en Gontán, onde tamén ten lugar o primeiro sábado de novembro unha importante Feira de Santos, polo que ademais de mercar grelos de calidade, os visitantes que se acheguen o día 17 ao recinto feiral de Gontán poderán atopar a maiores gando, roupa, calzado ou ferramentas, ademais de poder comer o polbo.

A cita, organizada polo Concello de Abadín e que conta co apoio da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pecharase contra as dúas da tarde coa cualificación das cestas de grelos presentadas a concurso e coa entrega dos premios, un para o produtor que logre maior calidade e outro para a mellor decoración e presentación. Todos os greleiros participantes obterán, con todo, un obsequio en recoñecimento á súa achega.

Garantía de calidade

A calidade e sabor do grelo que se produce nesta zona da Terra Cha conta con merecida sona, polo que o alcalde de Abadín, José María López Rancaño, decidiu impulsar no ano 2006 desde o Concello a celebración dunha feira anual adicada a este produto e en apoio dos greleiros que hai no municipio, algúns dos cales mesmo exporta os seus grelos a outros mercados fóra de Galicia como Cataluña. Tres anos despois do nacemento de Expogrelo esta iniciativa víase refrendada co recoñecemento da calidade dos grelos galegos mediante unha Indicación Xeográfica Protexida.

A IXP Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para amparar tanto a produción coma a comercialización e a distribución do produto de horta máis emblemático da nosa comunidade. Do mesmo xeito, a distinción supón un recoñecemento a esta hortaliza tradicional da nosa gastronomía popular, abranguendo tanto o produto natural, coma o conxelado e en conserva, permitindo deste xeito ampliar fronteiras a través dunha industria transformadora que aporta valor engadido a un produto vendido até entón tradicionalmente en fresco.

Para asegurar a súa calidade, todas as operacións de manipulación, transporte, almacenamento e transformación dos grelos realízanse de forma inmediata á súa recolección dentro do ámbito da comunidade autónoma, segundo se establece no regulamento da IXP. É por iso que o día antes da celebración de Expogrelo os 20 produtores censados no concello de Abadín e amparados baixo a IXP apañan, seleccionan, pesan, empaquetan e etiquetan manualmente cada un dos mollos que ao día seguinte poñen á venda na feira, asegurando deste xeito á máxima frescura e calidade. Malia que este ano as condicións non foron as óptimas para o grelo, pola falla de auga en outono e un inverno con pouco frío até o de agora, agárdase que se poñan á venda uns 2.000 quilos de produto, unha cifra semellante á de anos anteriores.

cartel Expogrelo 2018

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información