A Fundación Juana de Vega, canalizadora de oportunidades no rural

A entidade apoia cada ano dez iniciativas empresariais no marco do seu programa de emprendemento agroalimentario, ó que se presentaron máis de 200 proxectos nos últimos tres anos. O apoio á investigación no agro e o traballo no campo do paisaxismo completan o seu labor

Publicidade
A Fundación Juana de Vega, canalizadora de oportunidades no rural

José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.

Un viveiro orientado á produción de variedades autóctonas de hortalizas, unha sociedade que está a recuperar o aproveitamento de soutos de castaña abandonados no Caurel ou unha iniciativa empresarial para xestionar e comercializar o mel de 600 colmeas en ecolóxico son algúns dos proxectos que pasaron nos últimos anos polo programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega. A través deste programa, a entidade, con sede en Oleiros, está a asesorar e apoiar a implantación de iniciativas innovadoras no ámbito rural.

Nos tres anos que leva en marcha o plan de apoio ó emprendemento agroalimentario, presentáronse á convocatoria de tutelaxe máis de 200 iniciativas, das que a Fundación seleccionou unha trintena, 10 en cada edición. “Estamos moi satisfeitos pola marcha do programa e tamén polo dinamismo que percibimos. Hai moita xente que está vendo oportunidades no rural” -salienta o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade-. “Arredor do 65 % dos emprendedores que se presentan ó programa son persoas que teñen unha actividade laboral pero que identifican unha oportunidade no rural á que queren adicarse”.

“Hai moitas persoas que están detectando oportunidades no rural. Percibimos un gran dinamismo” (José Manuel Andrade)

O perfil dos solicitantes é variado pero cunha característica común. O 75 % teñen formación universitaria superior, ben de sectores relacionados co agro, como enxeñerías, ben de licenciaturas alleas á agroalimentación. “O agro é un atractivo para o desempeño dunha actividade profesional”, valora José Manuel Andrade.

O apoio da Fundación ós proxectos plásmase nunha tutelaxe completa, desde a idea orixinal ata a implantación da iniciativa. “En primeiro lugar, axudámoslle ós emprendedores a reflexionar sobre a súa idea empresarial, sobre o produto ou servizo que van ofrecer. Analizamos con eles cuestións como competidores, canles de comercialización máis axeitadas ou as necesidades de investimentos”, explica Andrade. “Tamén apoiamos directamente na implantación. Por exemplo, na fase de busca de financiación, acompañamos ós emprendedores ás entidades financieiras”.

Gran parte dos proxectos que pasaron pola Fundación teñen un denominador común, o traballo con produtos de calidade como o galo de curral, as vacas cachenas, o mel ecolóxico ou a produción a gran escala de froitos do bosque (arandos, frambuesas, etc.). Outros céntranse en servizos para o sector agrario ou agroalimentario. É o caso de TasteLab, unha consultora especializada na testaxe de novos produtos alimentarios, ou dun proxecto innovador para o manexo de instalacións de porcino a través dunha aplicación móbil.

Investigación
A Fundación Juana de Vega completa o seu traballo no sector agroalimentario co apoio a proxectos de investigación, unha liña que se reforzará a partir deste exercicio. “Nos últimos anos estivemos financiando becas de estudo e investigación no exterior para profesionais galegos, pero démonos de conta de que un dos problemas que están a ter actualmente as universidades galegas e os centros de investigación de Galicia é a dificultade para reter talento, así que imos orientar máis recursos, dentro das nosas capacidades, a financiar proxectos de investigación en Galicia”, apunta o director da Fundación.

A recuperación de dúas variedades autóctonas de uva, branca lexítima e agudelo, mereceu o recoñecemento da Comisión Europea

Entre os traballos que xa impulsou a Fundación, figura o estudo e recuperación de dúas variedades de uva tradicionais de Betanzos, a branca lexítima e a agudelo, unha investigación na que tamén participaron o Csic e a Estación de Viticultura de Galicia (Evega). “Son uvas cun gran potencial pero que non se podían utilizar para viños comerciais porque non estaban recoñecidas como variedades”, explica José Manuel Andrade.

O proxecto de posta en valor das dúas variedades autóctonas de uva mereceu o recoñecemento da Comisión Europea, que calificou este traballo como un exemplo das iniciativas innovadores que se poderían financiar a través dos plans de desenvolvemento rural.

Outra investigación da Fundación no ámbito do viñedo centrouse na análise dos fungos, coma o mildeu, que afectan ás distintas denominacións de orixe galegas. A idea, comprobar o comportamento dos fungos nas distintas zonas e deseñar tratamentos fitosanitarios diferentes que permitan reducir custos e un menor impacto ambiental.

A análise da baixa mobilidade de terras que hai en Galicia, un proxecto de recuperación do carballo en espazos públicos e forestais ou un estudo sobre o impacto da enerxía eólica no rural son outros dos traballos de investigación nos que está a colaborar a Fundación Juana de Vega, unha entidade centrada na canalización de novas oportunidades para o rural galego.

Fóra do ámbito agrario, a Fundación impulsou a Escola Galega da Paisaxe e a Cátedra Juana de Vega no seo do departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información