Os españois destinan o 33% do seu gasto en alimentación a carne, leite e queixos

O último informe do Mapama sobre alimentación en España reflicte que os lácteos supoñen máis do 17% do volume da compra. O consumo de carne, un dos alimentos de maior valor, redúcese un 1,4%

Publicidade
Os españois destinan o 33% do seu gasto en alimentación a carne, leite e queixos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapama) acaba de presentar o seu último Informe do consumo de alimentación en España en 2017, no que se recollen datos de consumo e gasto doméstico dos españois en alimentación e bebidas.

Segundo os datos recollidos, o leite e os seus derivados mantéñense como un dos alicerces da compra xa que supoñen un 17,2% da cesta dos españois sen variacións con respecto aos últimos datos rexistrados no ano anterior. Con todo, o valor do leite representa un 12,1% do orzamento, e neste sentido o gasto reduciuse nun 1,2% con respecto ó 2016. Os lácteos son xunto coas froitas, hortalizas e patacas os produtos de maior importancia. As verduras e hortalizas son os alimentos que supoñen un maior volume do consumo total cun consumo per cápita de 101,2 kg por persoa e ano, seguidas pola froita, consumida principalmente na casa, con 96,4 kg por persoa anuais.

A carne, é outro dos alimentos base da cesta da compra para os españois, representa un 7,5%, e leva tamén a maior partida do orzamento (21,1%). Aínda que, o consumo caeu un 1,4% no último ano, mentres que o seu valor incrementouse un 1,1%. Porén, a carne ocupa o terceiro lugar en volume de consumo total con 42,6 kg/persona e ano.

Estes datos confírmanse tamén por categorías, xa que os produtos frescos na alimentación dos fogares supoñen o 39,9% do volume e o 43,8% do orzamento total destinado á alimentación.

cesta-da-compra-

Incremento do gasto en alimentación

Dacordo cos datos do informe, o gasto total dos españois en alimentación durante 2017 ascendeu a 102.584,72 millóns de euros, o que significa un incremento do 3,6% con respecto a 2015 -debido a que non se dispón de datos de 2016 por un cambio de metodoloxía na cuantificación do consumo estradoméstico-. Deste gasto o 80,4% corresponde á compra de alimentos e o 19,6% restante a bebidas frías e quentes.

O gasto total sitúase en valores próximos aos rexistrados en 2009 (102.498,2 millóns de euros) despois de producirse nos últimos anos unha redución do gasto situándose este ao redor dos 98.000 millóns en 2014 e 99.000 millóns en 2015.

Para a compra dentro do fogar destináronse 67.490 millóns de euros, o que supón un incremento do 0,6% respecto ao ano anterior. Mentres que, o gasto fóra da casa alcanzou os 35.094 millóns de euros. Comparando o consumo dentro e fóra dos fogares, o 88,2% do volume de alimentos e bebidas consómense na casa, con só o 11,8% do total consumido fóra.

O consumo e o gasto per cápita en Galicia descenderon no último ano pero seguen situándose por encima da media estatal

Consumo e gasto per cápita en Galicia

O consumo medio estatal per cápita situouse en 2017 en 633,36 kg e o gasto nos 1.479,98 euros por persoa e ano. Galicia atópase entre as comunidades cun maior consumo per cápita no fogar con 662,59 kg/litros e cun gasto per cápita de 1.599,02 euros por persoa e ano. En Galicia, o consumo descendeu un 1,2% ó igua có gasto que experimentou unha redución do 0,1% porén a evolución do prezo medio incrementouse nun 1,1%. Neste sentido, o conxunto de España tamén rexistrou un descenso do consumo (-4,4%) e do gasto (-3,2%) mentres que, o prezo medio situouse nun 1,3% por encima dos valores do ano anterior.

Por encima da media estatal tamén se sitúan outras comunidades como as Illas Baleares que encabezan o consumo ou Cataluña, Canarias e Asturias, todas elas cun consumo superior ao galego. En relación ao gasto per cápita, País Vasco, Cataluña e Cantabria foron as tres comunidades autónomas con maiores cifras.

Desperdicio alimentario

O informe sobre o consumo en España, inclúe tamén un apartado no que se estuda a evolución do desperdicio alimentario. Dos seus datos despréndese que en 2017, os fogares españois tiraron ao lixo 1.229 millóns de quilos de alimentos, o que supón 23,6 millóns de quilos semanais. Constátase unha maior concienciación das familias na loita contra o desperdicio alimentario, xa que esta cifra supón unha redución do 5,7 por cento respecto ao período anterior, é dicir, tiráronse ao lixo 74,5 millóns de quilos menos.

O 87,5% do total de alimentos tirados ao lixo correspóndese con alimentos desperdiciados polos fogares tal cal os compraron. Froitas, verduras/hortalizas e pan son os alimentos máis refugados en canto a volume total, aínda que a maior taxa de desperdicio corresponde a salsas, un 20,7% do comprado acaba no lixo.
Doutra banda, o 12,5 do desperdicio corresponde aos restos de pratos cociñados no fogar. Os pratos baseados en legumes, carne e as sopas, cremas e purés son as receitas que máis terminan no lixo.

Variacións nos hábitos de consumo

O informe tamén evidencia os cambios e tendencias no comportamento do consumidor. Nel constátase que os cambios e a simplificación do menú constrúen un novo contexto nas comidas e nas ceas, onde a versatilidade é a clave no consumo.

Tamén destaca a irrupción do almorzo salgado, que ofrece un novo panorama competitivo para as categorías de almorzo tradicional, que deben adaptarse á nova realidade para poder crecer no primeiro momento do día.

O deporte gaña relevancia na nosa sociedade, e convértese nunha oportunidade de valor para o mercado, pois seguen crecendo as ocasións de consumo entre os deportistas, así como as preparacións rápidas e saudables.

En canto aos hábitos de compra, as enquisas do Barómetro do clima de confianza do sector agroalimentario, indican que os consumidores seguen elixindo os establecementos onde comprar alimentos e bebidas en función da súa proximidade, a calidade dos produtos e os bos prezos á parte de ofertas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información