A Xunta xeneralizará o uso de drons para controlar as axudas da PAC e mellorar a xestión das explotacións agrogandeiras

A Xunta xeneralizará o uso de drons para controlar as axudas da PAC e mellorar a xestión das explotacións agrogandeiras

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira

A Xunta desenvolverá a segunda fase do Programa Primare tras validar a plataforma desenvolta para as inspeccións intelixentes avanzadas, cuxos resultados se presentaron este luns nunha xornada celebrada na Cidade da Cultura. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral da Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto.

Ambos representantes autonómicos expresaron o interese de que Galicia siga sendo un referente no desenvolvemento de solucións innovadoras aplicadas ao sector agrogandeiro e avanzaron, que á vista dos resultados positivos obtidos nesta primeira fase, o programa Primare terá continuidade afondando na aplicabilidade da tecnoloxía, non só no ámbito da política agraria común, senón tamén na xestión das explotación agrarias e das parcelas agro forestais de Galicia.

Esta continuidade materializarase no desenvolvemento dunha segunda fase da iniciativa, Primare – agricultura 4.0, que facilitará aos axentes do sector agrogandeiro dispoñer de ferramentas e servicios para simplificar, automatizar e facilitar a xestión asociadas das parcelas e das explotacións agrarias, e simplificar e dinamizar a súa relación coa administración.

Primare – agricultura 4.0 aproveitará os avances tecnolóxicos obtidos no desenvolvemento primeira fase da iniciativa, que acadou importantes fitos tanto na obtención de datos a través de medios non tripulados, como na automatización dos procesos de posicionamento desta información e na análise e explotación das imaxes para obter información de valor, tanto para os produtores como para a administración. Esta plataforma senta as bases de sistemas expertos aplicables noutros eidos relacionados coa xestión do sector primario.

Preto de 100 participantes

Durante a xornada expertos no ámbito da política agraria común (PAC), representantes da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), así como dos medios aéreos non tripulados expuxeron as vantaxes do uso da tecnoloxía na simplificación dos procesos relacionados co ámbito agrogandeiro e da vindeira Política Agraria Común. A xornada contou coa participación de preto de 100 profesionais dos sectores tecnolóxico e agrario e representantes doutras comunidades autónomas interesadas no proxecto-

Cómpre destacar que Primare foi presentado recentemente na conferencia MARS, organizada en novembro pasado en Praga por parte dos grupos expertos da comisión europea (JRC), e na que se deu conta dos avances no eido de tecnoloxías e monitorización agrarias por participantes de toda Europa, así como das liñas a impulsar pola comisión europea para o novo período da política agraria común (2021-2027)

Primeiro Proxecto CPTI no sector primario

O proxecto, liderado polo Fondo de Garantía Agraria (Fogga) dependente da Consellería do Medio Rural, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desenvolveuse por un consorcio de empresas e centros de innovación (Seresco, Proyestegal, Insitu e o Centro Tecnolóxico Gradiant).

O Proxecto Primare é o primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTI) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, cun orzamento de 4millóns de euros cofinanciado nun 80% con Fondos Feder do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Gain e a Amtega dentro da iniciativa “Civil Uavs Initiative“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información