A Xunta ve posible celebrar mercados locais de alimentación

O conselleiro do Medio Rural solicítalle ó Ministerio de Agricultura que suspenda a celebración da feira de gando de Pola de Siero, en Asturias, pois considera que é posible darlle saída ós animais sen as lonxas gandeiras. ERTES no agro e desprazamentos, outras cuestións abordadas

A Xunta ve posible celebrar mercados locais de alimentación

Mercado en Mondoñedo. / Arquivo.

Esta mañá, os conselleiros do sector agrario de tódalas comunidades mantiveron unha videoconferencia co ministro de Agricultura, Luis Planas, para abordar a situación polo coronavirus. Desde Galicia, o conselleiro do Medio Rural, José González, trasladoulle ó Ministerio unha serie de cuestións que pasamos a debullar.

Viabilidade dos mercados locais de alimentación
O conselleiro considera posible a venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e plantas a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións.

A recuperación dos mercados locais de alimentación é unha cuestión que tanto o Sindicato Labrego como a Fruga viñan demandando nos últimos días.

Mercados gandeiros
Asturias mantén a celebración do mercado de Pola de Siero, en tanto Galicia suspendeu tódolos seus mercados, o que xerou dificultades na saída dos xatos de recría das granxas. O conselleiro, non obstante, considera que de aquí en adiante está garantido o movemento dos animais por medio dos tratantes, polo que pide que o Goberne ordee a suspensión do mercado de Pola de Siero.

Desprazamentos no agro
O conselleiro propúxolle ó Ministerio a posibilidade de autorizar que traballadores profesionais e non profesionais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal poidan desprazarse ata as súas parcelas para certas actividades, sempre que acrediten a realización de tarefas agrarias e o cumprimento das recomendacións sanitarias. “Son desprazamentos individuais a zonas normalmente próximas ás vivendas”, defendeu o conselleiro.

En canto ós desprazamentos de profesionais para traballos no campo non hai dúbida. Sobre o desprazamento de persoas non profesionais, en Galicia, Vicepresidencia da Xunta, a preguntas do Sindicato Labrego, xa interpretara na práctica que é posible que traballadores do agro non profesionais se despracen as súas hortas ou viñas para regar, sulfatar ou plantar, entre outras tarefas, se ben Medio Rural tamén trasladara nos medios que estaba en contra de desprazamentos de “2 ou 3 quilómetros” para tarefas non profesionais.

Queda agora por ver se o Ministerio aclara a situación cunha instrución común, pois as forzas de seguridade tamén poden facer as súas propias interpretacións en cada caso.

Expedientes de regulación temporal de emprego
Galicia trasladoulle ó Ministerio a posibilidade de que as adegas, que perderon as vendas á restauración, e que as empresas forestais, que se están a ver afectadas polo peche de Finsa, poidan acollerse a Expedientes de regulación temporal de emprego (Ertes), previstos no Real Decreto aprobado este martes polo Goberno para causas de forza maior derivadas do coronavirus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información