A Xunta valora medidas de apoios ós produtores máis afectados pola seca

A conselleira do Medio Rural recibe en Santiago a unha delegación de alcaldes, gandeiros e apicultores da zona oriental de Ourense. Unións Agrarias sinala que a Administración se comprometeu a poñer medidas sobre a mesa en 15 días

A Xunta valora medidas de apoios ós produtores máis afectados pola seca

Gandería en Viana do Bolo o pasado mes de setembro.

A seca na zona oriental de Ourense, que se vén arrastrando desde hai máis dun ano, está a poñer contra as cordas ás ganderías da comarca. Boa parte delas xa rematou a forraxe propia que tiña almacenada para todo o inverno e depende da que merque para alimentar ós animais, co agravante de que os prezos da palla e doutras forraxes se dispararon no último ano. Este é o escenario que lle expuxo unha delegación de alcaldes, gandeiros e apicultores da zona oriental de Ourense á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha reunión celebrada na tarde de onte en Santiago.

O encontro serviu para abordar as dificultades tanto da gandería de carne como da apicultura, tamén afectada polas secas e as xeadas primaverais. Houbera xa ademais outra reunión previa da Consellería coa IXP Castaña de Galicia para analizar as graves perdas sufridas polos produtores de castaña. Para todos eles a Administración compromete apoios, aínda que a falta de concreción xera reticencias entre os afectados.

“Cando nos convocaron á reunión de Santiago, pensabamos que o lóxico era que nos plantearan solucións, pero polo de agora non houbo nada diso” -explica a responsable de Unións Agrarias no oriente de Ourense, María Páez-. “Hai un compromiso da conselleira e dos alcaldes de poñer sobre a mesa unha proposta de solucións nun prazo de 15 días e esperamos que se concrete, pero tamén hai que dicir que levamos máis dun ano con esta situación sen que se adoptase ningunha medida eficaz”, valora María Páez. “O que precisamos son solucións para alimentar o gando”, advirte.

Contactos previos
Á reunión da tarde de onte na Consellería asistiron os alcaldes da Veiga, Vilariño de Conso, O Bolo, Viana, A Gudiña e A Mezquita, así como afectados pola situación de seca, que xa viñan mantendo nos últimos meses reunións previas na comarca. Cómpre lembrar que os produtores de Ourense oriental foron tamén dos maís activos na mobilización celebrada este outono en Santiago en demanda de medidas fronte á seca e as consecuencias dos lumes. Tamén houbera daquela unha importante representación das montañas orientais de Lugo, en especial dos Ancares, afectada igualmente pola seca e os incendios forestais.

Se ben no último mes houbo choivas xeralizadas en toda Galicia, a situación na parte oriental de Ourense non é tan favorable e mantense a alerta vermella no sector. “É certo que choveu algo, pero non o que pode chover na parte atlántica. Segue a haber moitos gandeiros sen auga que teñen que ir buscar auga para o gando coa cisterna” -explica a responsable de Unións Agrarias, María Páez.- “O máis bonito de vir a Santiago foi ver chover”, concluía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información