A Xunta publicará un decreto galego de primeiros compradores se o Ministerio non o fai este mes

A conselleira do Medio Rural lanzou esta proposta na reunión este martes do Consello Agrario Galego. Avanza tamén que nesta lexislatura teñen previsto aprobar a Lei de Agricultura. Os sindicatos piden garantías da Xunta fronte aos impagos dos primeiros compradores

A Xunta publicará un decreto galego de primeiros compradores se o Ministerio non o fai este mes

Reunión este martes do Consello Agrario Galego

A Consellería do Medio Rural amaga con publicar o seu propio decreto de Primeiros Compradores no sector lácteo ante a pasividade do Ministerio de Agricultura, que leva xusto un ano cun borrador de decreto atascado.

Así o anunciou este martes a conselleira Ánxeles Vázquez durante a reunión do Consello Agrario Galego -a primeira nun ano-, o órgano oficial de interlocución entre a Xunta e as organizacións agrarias.

En febreiro de 2016 o Ministerio de Agricultura presentou o borrador do Decreto de Primeiros Compradores de Leite e, aínda que a súa aprobación se anunciaba como inminente, leva máis dun ano de demora, sen explicacións por parte do Goberno Central.

Este atraso repercute de forma negativa principalmente en Galicia, onde ao redor do 30% do leite producido é recollido polos primeiros compradores, unha figura polémica á que as organizacións agrarias acusaron de deteriorar os prezos en conivencia con algunhas industrias e de recorrentes casos de impagos aos produtores lácteos.

Neste sentido, tanto a Xunta de Galicia como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) levan nos últimos meses urxindo ao Ministerio a que publique o decreto no BOE para darlle estabilidade ao sector produtor.

Ante a pasividade e falta de resposta do Ministerio, a conselleira do Medio Rural anunciou que se este mes de febreiro non se publica o decreto estatal a Xunta de Galicia elaborará o seu propio Decreto de Primeiros Compradores de Leite.

Así o confirmaron a Campo Galego varias das organizacións agrarias que participaron na reunión, aínda que dende a Consellería do Medio Rural prefiren non avanzar máis información.

A Xunta comprométese a presentar un borrador de Lei Agraria de Galicia e outro de desenvolvemento da Metaga neste primeiro semestre

De feito, o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez, opta por destacar como principal punto da orde do día do Consello Agrario Galego o anuncio da Lei Agraria de Galicia. O compromiso da Consellería é presentar o borrador no primeiro semestre e aprobar nesta lexislatura esta norma, que en palabras da conselleira “amparará ao agro de xeito transversal”. Ademais, comprometeuse a que a lei someterase ao diálogo no Consello Agrario co obxectivo de que “saia adiante co maior consenso posible”.

Ademais, a conselleira do Medio Rural informou de que no primeiro semestre deste ano presentaranse os borradores para o desenvolvemento da Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga).

Unións pide avais para os impagos dos primeiros compradores

O sindicato Unións Agrarias saúda o anuncio da conselleira do Medio Rural de redactar unha norma de rango autonómico de control dos primeiros compradores do sector lácteo se antes de finalizar o presente mes no se concreta unha similar por parte do Ministerio de Agricultura.

Para a organización agraria esta actuación “resulta urxente dado o goteo constante de impagos aos gandeiros por parte dos chamados tratantes do leite que logo de deixar a centos de familias sen cobrar o leite, decláranse insolventes co que as posibilidades polo que as posibilidades do produtores de liquidar as débedas son nulas”.

Unións: “A norma galega debe esixir aos primeiros compradores dispor de avais para evitar impagos”

Por este motivo Unións agarda que “no ordenamento previsto se recolla a necesidade de dispoñer de avais para poder comercializar o leite das granxas”. “Por outro lado, debe de haber unha responsabilidade solidaria das industrias naqueles casos nos que sexan clientes exclusivos ou superen unha porcentaxe do volume de negocio con ese primeiro comprador”, engaden dende a organización agraria.

Finalmente Unións levou ao Consello Agrario a esixencia de sancións para os que incumpren coa definición de sustentabilide ao longo da cadea de valor do leite. “Neste sentido, existen propostas de sustentabilidade aceptadas por produtores, industria e administración, que definen cales son os custes en cada chanzo da cadea, polo que só é necesario que este se aplique, polo menos a aqueles que asinaron o acordo de setembro e así todos poidamos vivir no sector e se deixe de formar o prezo do leite na distribución de xeito inverso”, explican dende o sindicato.

O Sindicato Labrego defende que nas axudas da Xunta a industrias lácteas e adegas se primen ás que non teñen impagos cos produtores

Pola súa parte, dende o Sindicato Labrego Galego lembran que “o decreto de primeiros compradores é unha gran necesidade para Galicia”. “Hai entramados societarios que sistemáticamente deixan impagos aos gandeiros e logo volven aparece con outro nome, e aínda así seguen recibindo axudas da Xunta”, denuncia a secretaria xeral do Slg, Isabel Vilalba.

Neste sentido, dende a organización agraria reclámanlle á Consellería do Medio Rural que “un parámetro básico para que podan acceder ás axudas é que estean ao día no pago aos produtores, e o mesmo se podería aplicar para a adegas, primado a aquelas que asinan contratos homologados cos viticultores e non tiran cos prezos”.

Slg: “Hai primeiros compradores con impagos que se benefician das axudas da Xunta”

Ademais, Isabel Vilalba reclamou que o Decreto de Primeiros Compradores “máis que poñer o foco na esixencia dun volume mínimo comercializado, debería prestar máis atención a darlle garantías ao gandeiro ante os impagos e ante prezos por debaixo dos custos de produción”.

A este respecto, a secretaria xeral do Sindicato Labrego tamén reclamou á Xunta “que haxa unha definición de sustentabilidade dende Galicia”. “Debería haber un estudo dende Galicia dos custos de produción do leite coa nosa realidade, e non fiar ao que faga o Ministerio tendo en conta a realidade de Soria ou de Andalucía. Para iso, a Xunta debería repor as prazas dos investigadores que se xubilan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, onde si se fixeron no pasado estes estudos”, asegura Isabel Vilalba.

Por último, a secretaria xeral do Sindicato Labrego critica que a Xunta “non tivera convocado o Consello Agrario Galego dende hai un ano, cando por estatutos se debería reunir cada catro meses”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información