A Xunta proxecta declarar zonas vulnerables a nitratos

Augas de Galicia identificou as áreas que presentan problemas de contaminación de orixe gandeira e corresponderalle a Medio Rural a concreción de medidas para correxir o problema

A Xunta proxecta declarar zonas vulnerables a nitratos

A filtración do xurro á auga xera problemas de contaminación en determinadas comarcas.

A contaminación das augas pola aplicación de puríns obrigará a declarar en Galicia zonas vulnerables a nitratos. Augas de Galicia xa ten mapeados os puntos que presentan problemas de orixe gandeira e agora corresponderalle a Medio Rural a concreción das zonas vulnerables ós nitratos. Esas áreas deberán ser obxecto dun plan de actuación que limitará o emprego do xurro no agro.

A filtración dos nitratos de orixe gandeira ás augas é un problema en toda Europa que obrigou hai xa máis de 20 anos á adopción de especiais medidas de control. En España, comunidades como Cataluña concretaran xa daquela zonas vulnerables ós nitratos, pero Galicia, caracterizada por unha gandería vacún de carácter semiextensivo, optara ata o de agora por evitar a súa declaración.

En zonas vulnerables, limítase a aplicación de nitróxeno a 170 quilos por hectárea e ano, en lugar dos 210 do resto de áreas

Os problemas ocasionados polos xurros en determinadas comarcas galegas eran, sen embargo, evidentes. É o caso da Limia, onde a gandería intensiva de porcino xera un alto impacto na conca do río Limia, co exemplo paradigmático do embalse das Conchas, augas abaixo, afectado por serios episodios de eutrofización nos que se dispara a materia orgánica e o crecemento de algas.

Medidas
A Xunta tratará agora de poñerlle coto á contaminación das augas pola filtración de xurros. Nas zonas que se declaren como vulnerables a nitratos, establecerase un plan de actuación que limitará as cantidades de purín a aplicar. Como norma xeral, en España permítense aplicar 210 quilos de nitróxeno por hectárea e ano. Nas zonas vulnerables, esa cantidade redúcese a 170 quilos.

A declaración dunha zona como vulnerable a nitratos implica un maior control sobre a xestión dos estercos por parte dos gandeiros, así como sobre as parcelas de aplicación. É previsible que, tal e como se fai noutras comunidades, os gandeiros teñan que levar libros de rexistro e haxa inspeccións con periódicos análises sobre o chan e as augas.

Control sobre as industrias agroalimentarias

O anuncio da futura posta en marcha de zonas vulnerables ós nitratos fíxoo onte o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, durante a comisión de Agricultura do Parlamento. A comparecencia de Rodríguez debeuse a unha pregunta do grupo socialista sobre os vertidos das industrias agroalimentarias, en especial na comarca de Chantada.

O grupo socialista interesouse polo impacto de Casa Macán (Taboada) sobre o río de Piñeira e preguntou pola solicitude que cursou Macán para dirixir as súas verteduras ó río Enviande, xa no veciño concello de Chantada, un asunto que considera polémico. Tamén advertiu a formación socialista dos supostos problemas de vertidos que viña xerando a industria láctea Celega (O Saviñao), “xa antes da súa compra polas cooperativas”.

Desde Augas de Galicia sinalouse que as obras solicitadas por Macán eran competencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, polo que a resposta do seu director centrouse nunha análise xeral da situación dos cauces fluviais.

Mapa de verteduras
Finalmente, a proposta do grupo socialista, tódalas formacións aprobaron solicitarlle á Xunta a elaboración dun mapa de vertidos das industrias agroalimentarias, de cara a identificar os problemas e buscar vías de solución.

Houbo consenso nos problemas que xeran os vertidos, tanto os industriais como outros puntuais de orixe gandeira, que se fan incumprindo a lexislación vixente. “Os que nos gusta a cana ben sabemos como están os ríos, e digo os que nos gusta á cana e non as troitas porque xa poucas pillamos. Antes, aínda que non se pescaran, víanse saltar, pero agora nin iso”, sinalou na súa intervención o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas, ‘Mini.’

Una idea sobre “A Xunta proxecta declarar zonas vulnerables a nitratos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información