A Xunta pagará neste abril uns 14 millóns de euros da PAC a case 12.000 beneficiarios

A Xunta pagará neste abril uns 14 millóns de euros da PAC a case 12.000 beneficiarios

A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten previsto facer efectivo ao longo deste mes de abril o pago de algo máis de 14 millóns de euros correspondentes á Política Agrícola Común (PAC), máis concretamente ao exercicio de 2016. Estes pagamentos beneficiarán, en conxunto, a case 12.000 agricultores e gandeiros galegos.

A maior parte destes fondos refírense aos chamados pago básico e pago verde (en total suman 9,2 millóns de euros). O primeiro deles ten que ver coa asignación de dereitos que teñen os agricultores e gandeiros e co número de hectáreas declaradas. O pago verde prima o mantemento de pastos, a diversificación de cultivos e as superficies de interese ecolóxico. Cada un dos beneficiarios destes pagos recibirá unha media de 1.400 euros (no caso do pago básico) e de arredor de 690 euros (no que atinxe ao pago verde).

Outros importes destacados dos pagos do Fogga neste mes de abril corresponden aos conceptos de vacún de cebo, no que computan os becerros cebados na mesma explotación ou ben os procedentes doutra granxa (algo máis de 3 millóns de euros), vacas nutrices (case 600.000 euros) e vacas leite (arredor de 580.000 euros). O resto ten que ver con diferentes partidas para ovino, cabrún etc.

Por provincias, como ven sendo habitual polo seu peso agrogandeiro, a maioría destes fondos son para Lugo (arredor da metade dos devanditos 14 millóns de euros). A continuación séguenlle A Coruña (recibirá uns 3,9 millóns), Ourense (1,9 millóns) e Pontevedra (1,2 millóns).

O aboamento destas cantidades forma parte da programación do Fondo Galego de Garantía Agraria para o conxunto do período 2016-2017, que abarca ata o vindeiro mes de xuño. Os pagos realízanse con periodicidade semanal. As campañas da PAC (no relativo ao primeiro piar, de pagamentos directos) comezan o seu prazo ordinario de pagos o día 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte.

Consonte con esta programación, o Fogga abonou a comezos deste ano uns 102,7 millóns de euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de adianto dos pagos da PAC correspondentes á campaña 2016-2017. Dende a Consellería destacan que “este anticipo foi un 57% superior ao efectuado no exercicio 2015. A cifra é, ademais, sensiblemente superior á dos últimos anos, xa que en 2013 o anticipo foi de 32,6 millóns de euros, no 2014 de 35,8 millóns e no 2015 de 65,3 millóns de euros”.

Polo demais, a Xunta non confirmou aínda se se acollerá á ampliación do prazo para presentar a solicitude da PAC, que o Ministerio de Agricultura ten previsto aprazar ata o 15 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información