A Xunta manterá un 20% dos fondos para asesoramento que ía eliminar

Vintecinco entidades do sector consideran “insuficiente” a rectificación de Medio Rural e demandan a continuidade dos apoios ó aconsellamento das explotacións

A Xunta manterá un 20% dos fondos para asesoramento que ía eliminar

Charla do director xeral de Gandería con produtores da Estrada.

O director xeral de Gandería, José Balseiros, mantivo hoxe un encontro con gandeiros na Estrada no que defendeu a reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). En resumo, con esa reprogramación a Xunta decidiu recentemente reducir axudas para zonas con limitacións naturais e para o asesoramento gandeiro a cambio de prorrogar as axudas agroambientais para o 2020 e de aumentar os fondos destinados para prevención de incendios.

Balseiros asegurou na Estrada que van manter axudas en moitas liñas, como as destinadas á mellora de explotacións, á incorporación de mozos ao agro, ao asesoramento, ás pequenas explotacións ou para aquelas situadas en zonas de montaña ou desfavorecidas.

Precisamente hoxe, vintecinco entidades do sector agrario presentaron un escrito ante a Xunta solicitando a continuidade das axudas ó asesoramento gandeiro, que Balseiros afirmou tamén hoxe que continuarán. Cal é a realidade?.

A Xunta presentáralle ó sector unha proposta para reducir en 10 millóns de euros os cartos europeos destinados a asesoramento. Finalmente, ante as críticas do sector, decidiu manter 1,8 millóns. É unha rectificación que no sector se considera de todo “insuficiente”, pois só permitirá a convocatoria de axudas un ano, en lugar dos catro que estaban previstos.

Desde Unións Agrarias interprétase que a Xunta só manten as axudas agroambientais e as destinadas para zonas con limitacións naturais “para o ano electoral 2020”. Queda por concretar se as axudas para asesoramento se convocan tamén para o 2020 ou quedan para o 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información