A Xunta destinará máis de 7,5 millóns en 2019 para as campañas de saneamento gandeiro

A Xunta destinará máis de 7,5 millóns en 2019 para as campañas de saneamento gandeiro

O Consello da Xunta aprobou este xoves destinar 7,5 millóns de euros ao longo do ano 2019, o mesmo importe que neste exercicio, ás campañas de saneamento gandeiro e demais medidas sanitarias que desenvolve a Consellería do Medio Rural, co obxectivo de manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras da comunidade.

Estes fondos destinaranse a sufragar o desenvolvemento de diferentes plans de vixilancia de enfermidades e de medidas de limpeza e desinfección das granxas en que se detectan animais enfermos e dos vehículos de transporte das reses. Tamén se financiará o plan de control da vespa velutina.

O desenvolvemento destes programas nacionais de erradicación ten como finalidade asegurar o mantemento do estado sanitario de Galicia, segundo o establecido na normativa estatal e comunitaria, e así poder establecer unha comercialización sen trabas dos produtos de orixe animal.

Ademais, tras a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose ovina, cabrúa e bovina, o obxectivo agora é acadar a mesma declaración, canto antes, para a tuberculose bovina.

Neste contexto, acábase de declarar este martes, 11 de decembro, a provincia de Pontevedra como oficialmente indemne de tuberculose bovina. Segundo destacan dende Medio Rural “grazas a estes plans de saneamento gandeiro as explotacións de gando vacún de Galicia presentan un estado sanitario do máis alto nivel, moi superior ao existente noutras rexións do Estado e mesmo noutros países europeos”.

Horizonte 2021

En concreto en Galicia a prevalencia da tuberculose bovina na comunidade é do 0,02%, un dato moito mellor co da media nacional que é do 2,32%, existindo outras Comunidades con valores superiores ao 12%. Según a valoración da Xunta, “se logramos manter esta tendencia, a principios de 2021 poderíase solicitar á Comisión Europea o status de provincias oficialmente indemnes de tuberculose bovina para A Coruña, Lugo e Ourense”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información