A Xunta desestima decretar as parcelarias paralizadas en Agolada

Pérez Dubois rexeita activar as concentracións destas 8 parroquias. Apraza a organización territorial destes núcleos á nova lei de mobilidade de terra que prepara o executivo

A Xunta desestima decretar as parcelarias paralizadas en Agolada

Protesta organizada en Agolada no verán para reivindicar a activación das parcelarias.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, confirmou esta mañá no Parlamento de Galicia, durante o transcurso da Comisión de Agricultura, a negativa da Consellería de Medio Rural a decretar as 8 parcelarias paralizadas dende 2010 noutras tantas parroquias de Agolada (Pontevedra).

Foi o grupo parlamentario socialista quen preguntou sobre as demoras destas parcelarias, cuxos trámites se iniciaron no 2002. Tamén solicitou coñecer as intencións da Xunta para estes procedementos e o calendario a seguir, posto que algúns dos trámites xa realizados, e que supuxeron unha inversión de 800.000 euros, caducan a finais de ano.

Pérez Dubois aclarou que, en días pasados, mantivo un encontro para abordar a situación destas parcelarias no que participaron tanto o alcalde do municipio, así como persoal municipal e un representante da plataforma Queremos Parcelarias, colectivo que leva dende o 2018 reivindicando a activación dos procedementos. Segundo detallou Pérez Dubois, nesta reunión acordaron agardar á aprobación da nova lei de recuperación e posta en valor da terra, que ultima o executivo galego, para afrontar a reordenación destas parroquias. Porén, como matizou o propio Dubois, esta opción foi rexeitada pola plataforma Queremos Parcelarias, que continúa a reivindicar a activación das parcelarias.

“Non ten sentido concentrar por concentrar se a terra vai seguir abandonada” , indica Pérez Dubois

O director xeral de Desenvolvemento Rural apelou a que a nova norma inclúe ferramentas de organización do territorio, máis alá dos procesos de concentración parcelaria, que poden axeitarse mellor ás características destas parroquias. “Non ten sentido concentrar por concentrar. De nada serve pasar de ter 10.000 fincas abandonadas a ter 1.000 parcelas, se estas van seguir abandonadas. Cómpre apostar por procedementos que sirvan para que haxa un aproveitamento da terra”, xustifica Dubois, pese a que hai varias iniciativas empresariais e de aproveitamento da terra documentadas pola plataforma e á espera das concentracións.

Neste senso, Dubois recordou que na consellería contan con 104 procedementos de concentración parcelaria iniciados e máis de 130 peticións aínda que dende o 2010 non se decretaron máis ca 2 concentracións parcelarias. “De nada serve decretalas se logo non hai fondos para levalas a cabo todas”, sentenza. Tamén incidiu en que coas concentracións non sempre se consegue un aproveitamento da terra e recordou o caso de parroquias de Agolada como a de Ferreiroa onde, pese a ter agrupada a terra, rexistran unha taxa de abandono dun 67,4%.

Dispor de terra

O grupo socialista tamén requiriu explicacións polos 800.000 euros que se levan empregados nestes trámites previos ó inicio do proceso de concentración nas parroquias, así como polos perxuizos que estes atrasos están supoñendo para os proxectos que levan anos agardando pola falta de terra. Dubois indicou que, pese a non se decretar neste momento, “non tería porque perderse este traballo, xa que está feito e sería cuestión de actualizalo”. Tamén remitiu a solicitar puntualmente as peticións de terra para propor alternativas ós interesados. Porén, o director xeral eludiu dar prazos para a reorganización das terras destas parroquias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información