A Xunta dá 6 días laborables para executar as axudas de prevención do lobo

A Consellería de Medio Ambiente comezou a comunicar onte a resolución das subvencións, que deberán estar xustificadas o 11 de decembro. O principal problema radica nos gandeiros que teñan que buscar e mercar cans mastíns de menos de 4 meses

A Xunta dá 6 días laborables para executar as axudas de prevención do lobo

Rabaño de cabras protexido por un peche e cans. / Imaxe: Beealia.

O sector agrario está indignado polo funcionamento das axudas para a prevención de danos por lobo e xabarín. O motivo é que a Consellería de Medio Ambiente dá só 6 días laborables para que os beneficiarios das axudas executen e xustifiquen a subvención. No caso dos gandeiros que teñan axudas para a compra dun can mastín de menos de 4 meses, cumprir con eses prazos é misión complicada.

Medio Ambiente comezou a comunicar onte a resolución das axudas e dá de prazo ata o 11 de decembro para a execución e xustificación das axudas, con dous festivos e dous fins de semana de por medio. Para os produtores que se beneficiasen de axudas para pastores eléctricos ou mallas móbiles, a complicación é menor, máis alá das présas que esixe o prazo, pero a situación é distinta para os gandeiros que teñan que mercar cans mastíns.

Desde Beealia, unha sociedade que asesora ós produtores, advirten do problema: “No mellor dos casos, o beneficiario terá seis días laborables para facer os trámites necesarios, que inclúen a localización dun can mastín de menos de 4 meses e a súa adquisición, así como a súa identificación e a expedición do correspondente certificado veterinario” -resumen desde Beealia-. “Hai que ter en conta que non hai cans mastíns de menos de catro meses en tódalas aldeas”, ironizan.

A situación, en calquera caso, non é nova, pois “o ano pasado sucedeu exactamente o mesmo” -lembran desde Beealia.- “Colectivos como O-Xan, asociacións gandeiras e sindicatos tiveron xuntanzas este ano coa Consellería para mellorar a convocatoria de axudas de prevención, tanto nos tempos como no fondo da convocatoria, pero non se conseguiu correxir o problema”.

Medio Ambiente protagonizou no 2016 outro caso de prazos irrisorios coas axudas de Rede Natura, o que obrigou a renunciar a beneficiarios

Ante este panorama, as organizacións e entidades que asesoran ós gandeiros están a traballar contrarreloxo para evitar que se perdan as axudas. “No noso caso, contamos coa reserva de varias camadas de mastíns leoneses de traballo, para evitar que ninguén quede sen can, e temos a colaboración dunha ferretería, Casa Quiroga, que dispón de stock de pastores eléctricos fabricados en Galicia, así como de mallas electrificadas”, explican desde Beealia.

Aos problemas que se xeran agora coas axudas de prevención, hai que sumar o tradicional retraso que vén mantendo Medio Ambiente no pago das indemnizacións por danos de lobo, que chegou a superar os dous anos. “Esta mala planificación indigna ós gandeiros e cronifica un problema, o da convivencia da gandería coa fauna salvaxe”, reflexionan desde Beealia.

Para as axudas de prevención de danos de lobo e xabarín, a Consellería recibiu este ano máis de 1.200 expedientes, igual que no anterior exercicio.

Chove sobre mollado
Medio Ambiente protagonizou o pasado ano outro caso de prazos irrisorios para executar e xustificar axudas. Fora coas axudas para investimentos non produtivos en zonas de Rede Natura, unha convocatoria na que concedeu 8 días laborables para executar e xustificar as subvencións, o que obrigou a moitos beneficiarios a renunciar.

Desde Campo Galego, puxémonos en contacto onte coa Consellería para pedirlle a súa versión sobre estas situacións reiteradas, pero polo de agora non obtivemos resposta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información