A Xunta creará un departamento para favorecer o relevo nas explotacións que pechan

A Xunta creará un departamento para favorecer o relevo nas explotacións que pechan

Nos vindeiros anos prevese o peche de moitas exploacións agrogandeiras en Galicia.

O Consello da Xunta deste xoves autorizou o inicio do procedemento de aprobación do decreto que creará e regulará as Unidades de Asesoramento e Xestión de Explotacións Agrarias (UAXE). Este novo órgano permitirá, segundo a Consellería do Medio Rural, mediar entre gandeiros e agricultores para que aqueles que decidan cesar na súa actividade poñan as súas terras e outros activos á disposición doutros profesionais.

Deste xeito evitarase o abandono de terras e instalacións, así como a forestación ilegal de terras agrarias con eucalipto, ao tempo que se aumenta a base territorial doutras granxas facéndoas máis competitivas.

A Consellería poderá actuar de oficio ou por instancia dunha persoa interesada en comprar ou arrendar unha explotación

Segundo a Xunta, haberá unha UAXE en cada provincia e o primeiro paso para a súa creación será incorporar ao Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia un novo apartado denominado Sección de Explotacións Susceptibles de Intermediación, coa finalidade de crear unha plataforma que informe e facilite o contacto entre os propietarios de parcelas agrícolas.

Estas novas unidades recompilarán información sobre explotacións agrarias xa abandonadas ou susceptibles de cesar nas súas actividades, que permitan ser de novo postas en funcionamento. Poderase actuar de oficio ou por instancia da persoa interesada. Así, aqueles gandeiros e agricultores que queiran arrendar ou adquirir en propiedade terreos ou equipamentos terán un instrumento público que lles permitirá coñecer que explotacións agrarias son susceptibles de ser compradas ou arrendadas, así como todos os seus datos.

“O decreto calcúlase que estará listo nuns 5 meses”

No caso de que se tome unha decisión, o Banco de Terras, dependente do Agader, e o resto de membros da UAXE actuarán como mediadores para favorecer a tramitación e dar seguridade xurídica.

“Falamos, polo tanto, dunha nova medida transversal na cal traballarán diferentes departamentos da Consellería do Medio Rural e integrada no Plan de fixación de poboación no rural anunciado hai uns meses polo presidente da Xunta”, aseguran dende a Consellería do Medio Rural.

O decreto, que a Xunta calcula que poderá estar listo nuns cinco meses, persegue diferentes obxectivos a un tempo, como o de asegurar a continuidade das explotacións agrarias, facelas máis grandes e, polo tanto, máis competitivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información