A Xunta contempla que o Ministerio rectifique o Real Decreto sobre xurros

A Xunta contempla que o Ministerio rectifique o Real Decreto sobre xurros

A Consellería do Medio Rural contempla que o Ministerio de Agricultura rectifique o Real Decreto que penaliza para cobrar as axudas da PAC o esparexido de xurros gandeiros mediante sistemas de prato, abano ou canón.

Así o recoñeceu Belén do Campo,directora Xeral de Gandería , Agricultura e Industrias Agroalimentarias, durante a súa comparecencia este mércores na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia.

En concreto, e en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Xosé Luis Rivas, a directora xeral, subliñou que “o Real Decreto non é indefinido e non sabemos se o ano que ven o Ministerio vai valorar de novo esas excepcionalidades”.

En todo caso, Belén do Campo destacou que “o Real Decreto do Ministerio foi contestado dende Galicia, e de feito demos a máxima contestación, maior que en Asturias ou en Cantabria -as dúas comunidades que ata o de agora presentaron alegacións- porque na nosa Orde aprobamos unha excepción total”. Así, a norma publicada pola Consellería de Medio Rural o pasado mes contempla que se poderá seguir utilizando o sistema de abano ou prato, empregado polo 95% das explotacións de vacún de leite, e penalizar únicamente o sistema de canón.

Ademais, a directora Xeral de Gandería , Agricultura e Industrias Agroalimentarias avanzou que a Consellería do Medio Rural encargou un estudo para determinar cales son as fontes de emisións de amoníaco en Galicia. “Estamos a facer estudos sobre as contaminación, porque ao mellor son 2 comunidades autónomas as que contaminan e non as outras, e aplicando o principio de que o que contamina paga, as que emiten máis amoníaco de orixe gandeira son as que deberían actuar”, subliñou Belén do Campo, en referencia a Cataluña e Aragón, as autonomías que lideran a cabana porcina de España, que é a gandería que máis emisións de amoníaco emite e a que máis aumentou nos últimos anos.

“O Ministerio non se mete co lobby porcino nin con Fertiberia

Pola súa parte, Xosé Luis Rivas cualificou de “inxusto” o decreto do Ministerio porque obriga ás ganderías a endebedarse para comprar nova maquinaria de aplicación de xurros e “porque non hai dereito tampouco a que as ganderías de Galicia e da Cornixa Cantábrica paguen o pato dos grandes lobbies como Fertiberia ou o porcino, con comunidades como Cataluña e Aragón que son as que máis contaminan”. “O Real Decreto sobre xurros do Ministerio responde á presión dese lobby, pero o goberno da Xunta de Galicia a quen ten que defender é aos seus gandeiros”, subliñou.

Ademais, o deputado do BNG defendeu que a administración promova prácticas máis sustentables como o pastoreo, aproveitando as miles de hectáreas abandonadas existentes en Galicia para incrementar a base territorial das explotacións.

Débedas cos gandeiros de Artesanos Gallegos de la Carne

Por outra parte, e en resposta a unha pregunta do PsdeG-PSOE, Belén do Campo informou de que a Consellería do Medio Rural non vai conceder axudas específicas para os arredor de 60 gandeiros aos que lles adebeda diñeiro a empresa Artesanos Gallegos de la Carne.

“É un tema que nos preocupa á Consellería, pero agora está aberto un proceso concursal no xulgado do mercantil de Lugo e veremos como se resolve este proceso á hora de establecer prioridades de pago e ata onde vai poder chegar a pagar ou non a estes gandeiros”, afirmou a directora xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información