A Xunta consulta a Bruxelas se pode verificar os cultivos da PAC antes de maio para non penalizar ao millo forraxeiro

Actualmente as ganderías en Galicia con máis de 10 hectáreas sementadas non poden cultivar máis do 75% con millo forraxeiro, o que penaliza a súa competitividade. A Xunta pide poder cambiar o período de verificación actual, entre maio e xullo, a antes de maio.

A Xunta consulta a Bruxelas se pode verificar os cultivos da PAC antes de maio para non penalizar ao millo forraxeiro

O millo é a principal forraxe das ganderías de vacún de leite de Galicia

A Consellería do Medio Rural vén de presentar unha petición ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente relativa ao Real Decreto que regula a aplicación da Política Agrícola Común en España. A través desta iniciativa solicítalle o traslado dunha consulta á Comisión Europea para modificar o período de verificación dos cultivos da PAC -actualmente a Xunta realízaas de maio a xullo-, co fin de favorecer as explotacións gandeiras que teñen o millo como forraxe principal.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez fixo este anuncio na clausura das Xornadas Técnicas do Sector Lácteo que se celebraron este sábado en Mazaricos con motivo da Semana Gandeira.

O obxectivo é que en Galicia as inspeccións se realicen antes do mes de maio, para que durante o verán os terreos poidan dedicarse por completo á plantación de millo sen ter que reservar unha porcentaxe á plantación de herba ou outros cultivos alternativos. Deste xeito, a Xunta de Galicia pretende que se deixe de penalizar as granxas de máis de 10 hectáreas que utilizan esta planta como parte fundamental da dieta forraxeira e que na actualidade teñen que reservar o 25% do terreo para outro tipo de plantación. Isto estalles a supoñer un aumento da dependencia de insumos externos e, polo tanto, un incremento nos custes de produción.

Cos controis actuais, entre maio e xullo, as ganderías galegas perden de media 180 euros por hectárea

De feito, un estudo do Ciam concluíu que a limitación do cultivo de millo forraxeiro afecta ás explotacións lácteas máis dimensionadas e suponlles un prexuízo de 180 euros por hectárea. A aplicación deste período de inspección de maio a xullo en 2015 e 2016 fixo descender a superficie de millo forraxeiro en Galicia máis dun 10% ata situarse este ano en arredor de 60.000 hectáreas.

Pola contra, o Goberno do Principado de Asturias optou este ano por elixir un período de control da diversificación de cultivos para o pago verde da PAC do 1 de xaneiro ao 15 de maio, co que facilitou que as súas ganderías de vacún de leite sementasen ata o 100% da súa superficie cultivable con millo forraxeiro.

A Conselleira demanda ao Ministerio que aplique o Decreto de cesión de prezos

Por outra parte, e no ámbito da regulación normativa, Ángeles Vázquez demandou ao Goberno Central que comece a aplicar o Decreto de Cesión de Prezos, así como que se avance no Decreto de Primeiros Compradores e elabore unha normativa de etiquetaxe obrigatoria da orixe do leite.

En canto á lexislación propia da Xunta de Galicia, a conselleira avanzou una incremento da partida orzamentaria para a convocatoria de axudas para a transformación de produtos agroalimentarios que sairá no mes de xaneiro.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou a necesidade de que as ganderías de vacún de leite aumenten a súa base territorial para producir máis e mellores forraxes e reducir deste xeito os seus custos de produción. Neste sentido, asegurou que “a estratexia é deixar de lado as grandes concentracións parcelarias, e ir cara os Plan Marcos, paro que sería suficiente que varios veciños dunha aldea se puxeran de acordo, ben sexa mediante o aluguer ou mediante cambios na propiedade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información