A Xunta confirma que tamén amplía o prazo de solicitude da PAC ata o 15 de maio

A Xunta confirma que tamén amplía o prazo de solicitude da PAC ata o 15 de maio

Belén do Campo compareciendo en el Parlamento de Galicia

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, anunciou este xoves no Parlamento Galego que a Xunta tamén se suma á ampliación de 15 dias realizada polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para solicitar as axudas da PAC 2017/2018 e que rematará deste xeito o vindeiro 15 de maio.

A directora xeral avanzou que as previsións para esta nova campaña serán duns 173,5 millóns de euros para achegar a máis de 33.000 agricultores e gandeiros. Neste senso, Belén do Campo adiantou que este venres se procederá a realizar un novo pago de 14 millóns de euros, chegando así á cifra de 142 millóns de euros xa pagados, o que beneficia a máis de 26.600 galegos do sector primario.

A directora xeral avanzou que, “aínda que o prazo remata o vindeiro 30 de xuño para pagar estas subvencións, a Consellería xa está rematando o pago das mesmas, quedando as que teñen que integrar os resultados do control de campo na aplicación informática”.

Sobre o peche de granxas, a directora xeral explicou que “do total das explotacións que desapareceron no interanual entre xaneiro de 2016 e 2017, constátase que máis do 65% tiñan menos de 20 reses e, a gran maioría delas, fixérono por xubilación e falta de remuda xeracional”. Así mesmo, tamén sinalou que “máis da metade das granxas son explotacións grandes, potentes e modernas”.

Couza guatemalteca da pataca: a próxima semana empezarase a recoller pataca na zona infestada

Belén do Campo avanzou en sede parlamentaria que a vindeira semana se empezará coa recollida de pataca infestada pola couza guatemalteca (Tecia solanivora). Así, os primeiros concellos da provincia da Coruña que deberán levantar as plantacións son Cabanas e Ares, mentres que na provincia de Lugo serán Riotorto e A Pontenova. “Trátase de facer unha recollida de abaixo-arriba para evitar posibles contaminacións e así poder erradicar esta praga na nosa comunidade”, asegurou.

Un total de 25 equipos levarán a cabo esta recollida e o produto levantado será trasladado en camións estanco para garantir un correcto illamento da carga. Tal e como explicou a directora, unha vez que deixen a zona infestada, os camións non realizarán ningunha parada ata a chegada ao punto de destino, onde serán baleirados en instalacións pechadas e, de forma inmediata, se procederá á destrución da carga.

A directora xeral tamén recordou que este xoves abriuse o prazo para solicitar as indemnizacións pola destrución de pataca afectada. Pártese cun orzamento inicial de preto de 250.000 euros para esta finalidade, que poderá incrementarse con fondos adicionais para cubrir toda a demanda.

O baremo de indemnizacións oscila entre os 0,30 euros/quilo (para o tubérculo de consumo producido na explotación) e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fíxase unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

Así mesmo, reiterou que se manteñen os traballos de trampeo para vixiar que a praga non se estenda a outras zonas, puntualizando que ata o de agora seguen a ser 31 os concellos infestados. Neste senso, colocáronse un total de 966 trampas en campo e 357 trampas nos almacéns das zonas infestadas, así como nas zonas tampón e nas principais zonas de produción de pataca (Bergantiños e A Limia).

Plan de fixación de poboación

Preguntada pola perda de emprego no sector agrario, a directora xeral destacou que, en base aos datos do Instituto Galego de Estatística, o sector primario aumentou en case 4.000 empregos no último trimestre do ano 2016 e, con respecto ao mesmo trimestre de 2015, a ocupación no sector primario medrou un 18%.

O Ministerio recomenda non esperar aos últimos días para presentar a PAC

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente tramitou unha Orde Ministerial, publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado, pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única dos pagos directos á agricultura e gandería para o ano 2017.

Desde o Ministerio lembran que na campaña 2017 é obrigatorio presentar a delimitación gráfica en formato dixital das parcelas agrícolas da explotación, a chamada declaración gráfica, para solicitantes que declaren máis de 30 ha. Este feito aconsella alongar o período de presentación das solicitudes únicas de axuda, para facilitar os trámites aos agricultores e gandeiros, así como ás entidades colaboradoras na tramitación das axudas.

A pesar das facilidades que vai supoñer esta prolongación de prazo, recoméndase a todos os agricultores que teñan intención de presentar a súa solicitude única que acudan canto antes ás entidades colaboradoras ou ás dependencias da administración autonómica no seu territorio, para evitar que unha afluencia superior á habitual durante os últimos días poida dificultar a presentación das solicitudes.

Os agricultores terán a posibilidade de presentar, en caso necesario, por exemplo por un cambio no plan de sementa, unha modificación da súa solicitude única na que será posible engadir parcelas ou dereitos de pago básico á súa solicitude, así como modificar a utilización ou o réxime de axuda solicitado das parcelas agrícolas xa declaradas na solicitude única, sempre que o réxime en cuestión xa se solicitou noutras parcelas antes do 15 de maio. Para iso o prazo comeza o 16 de maio e finaliza o 31 do mesmo mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información