A Xunta anuncia que anticipará entre maio e xuño 300 millóns de axudas ao agro

A Xunta anuncia que anticipará entre maio e xuño 300 millóns de axudas ao agro

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa visita a Queserías Sarrianas, na que estivo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González. Sarria (Lugo)

O goberno da Xunta anuncia que anticipará entre maio e xuño o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores por mor da emerxencia sanitaria.

O Plan de liquidez que vai aplicar o Goberno galego estrutúrase en tres medidas. En primeiro lugar, a axilización do pago de subvencións xa concedidas e que están unicamente pendentes de comprobación en campo e pago por parte da Administración. A

demais, mañá mesmo publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde que se aplicará a todas as subvencións convocadas pola Consellería de Medio Rural que se atopen nesta situación. Deste xeito darase flexibilidade aos controis no campo, co fin de adiantar os seus pagos aos meses de maio e xuño. A contía conxunta desta axilización de pagos é de 65,7 millóns de euros, dos cales preto de 16 millóns estanse a aboar nestes días.

A maiores, a Xunta anuncia que anticipará ata un 50% -ata o momento, na maioría dos casos os anticipos eran tan só do 10%- das achegas agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural das convocatorias cofinanciadas por fondos europeos, como as de plans de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións ou a iniciativa Leader. En total, adiantaranse por este concepto uns 18,5 millóns de euros. Neste caso concreto farase sen necesidade de que o interesado aporte aval da entidade bancaria.

Anticipo da PAC

Ademais, en terceiro lugar, este Plan de liquidez contempla a sinatura dun convenio coas entidades financeiras para o anticipo aos destinatarios das axudas da PAC correspondentes ao 2020, que supoñen arredor de 210 millóns de euros. Estas achegas non requiren obra nin investimento e adoitan cobrarse de forma ordinaria nos meses de outubro e decembro, aproximadamente, de cada ano.

En virtude deste convenio, as entidades adiantarían as axudas e a Xunta asumiría os intereses, de forma que o sector poida cobrar a PAC canto antes e sen ningún tipo de custo nin xuros para os gandeiros e agricultores para que calquera deles perciba a PAC tan pronto como a solicite.

Desta forma dáse cumprimento ao establecido polo regulamento de execución aprobado recentemente pola Comisión europea, na mesma liña de axilizar e flexibilizar os controis administrativos e sobre o terreo para o pagamento dos fondos Feader. Así, por parte da UE abríronse dúas posibilidades para substituír as visitas de certificación. Ou ben cambialas por calquera medio de proba documental, incluídas fotografías xeotiquetadas aportadas polo beneficiario, ou ben, de non ser posible isto, realizar o control unha vez feito o pagamento final.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información