A Xunta anuncia axudas para empresas de explotación forestal e para a industria do moble

A Axencia Galega da Industria Forestal destinará 11 millóns de euros a liñas de apoio, que beneficiarán a arredor de 130 empresas. Promoverá tamén actividades de formación en colaboración co sector forestal

A Xunta anuncia axudas para empresas de explotación forestal e para a industria do moble

Autocargador forestal en monte.

A Consellería de Economía vén de anunciar tres programas de axudas dirixidos á cadea da madeira, un para empresas de segunda transformación (carpinterías, moblerías, empresas de ‘contract’), que se beneficiarán dunha liña de 2 millóns de euros; outra para empresas adicadas á explotación forestal, biomasa e primeira transformación da madeira, que contarán con 8,6 millóns de euros; e un terceiro programa orientado a promover actividades formativas, que estará dotado de 500.000 euros.

Estas tres liñas de axudas convocaranse ó longo do mes de febreiro, segundo se anunciou onte no Consello da Xunta. A Consellería de Economía, que fará as convocatorias por medio da Axencia Galega da Industria Forestal, prevé que as subvencións para investimentos beneficien a arredor de 130 empresas, en tanto que as actividades de divulgación que apoiará acadarán a unhas 1.700 persoas, segundo as previsións iniciais.

Industria do moble
O programa de apoios dirixido e pemes e microempresas que realicen segunda transformación da madeira (carpinterías, moblerías, empresas do ‘contract’) estará dotado de dous millóns de euros e convocarase na segunda quincena de febreiro. A Administración prevé apoiar arredor de 40 proxectos, que mobilizarán un investimento total duns seis millóns de euros. As axudas acadarán ata 200.000 euros por beneficiario, cun máximo do 50% do investimento.

Con esta liña, a Axencia da Industria Forestal prevé subvencionar iniciativas que teñan como fin aumentar a produtividade, implantar técnicas para obter novos produtos ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. En concreto, as axudas oriéntanse á compra de maquinaria, implantación de procesos de calidade como a cadea de custodia da madeira certificada, e plans de melloras de xestión e dos procesos produtivos (xestión Lean ou similar), así coma investimentos en tecnoloxías e en obra civil relacionados cos puntos anteriores.

Explotación forestal e primeira transformación
As axudas previstas para as pemes e micropemes adicadas á explotación forestal, xestión da biomasa e primeira transformación da madeira ascenden a 8,6 millóns de euros. Prevese beneficiar con elas a arredor de 90 empresas, que farán un investimento total duns 26 millóns de euros. Apoiarase a posta en marcha de plans de xestión e implantación de certificacións forestais e de cadea de custodia, maquinaria nova de explotación forestal, de xestión da biomasa e de primeira transformación da madeira, entre outros puntos.

As subvencións suporán un 40% dos investimentos e cubrirán ata 150.000 euros por beneficiario. En ambas convocatorias, dáse puntuación adicional nos supostos de mulleres xerentes e cando as iniciativas supoñan a creación de emprego fixo para mulleres e persoas en risco de exclusión social, primando tamén a estabilidade laboral.

Estratexia formativa
A estas iniciativas sumarase na segunda quincena de febreiro o programa para impulsar actividades formativas e divulgativas, no marco da Estratexia de formación da industria forestal. Cun orzamento de 500.000 euros, abrirase unha convocatoria dirixida a asociacións do sector, colexios profesionais e fundacións. Prevense apoiar máis de 160 accións centradas nos ámbitos máis demandados pola industria, chegando a arredor de 1700 persoas.

Una idea sobre “A Xunta anuncia axudas para empresas de explotación forestal e para a industria do moble

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información