A Xunta analiza o potencial do Can de Palleiro como pastores e protectores do gando

A Xunta analiza o potencial do Can de Palleiro como pastores e protectores do gando

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con representantes do Club da Raza Can de Palleiro

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, vén de reunirse con representantes do Club da Raza Can de Palleiro, entidade constituída no ano 2002 en defensa desta denominación, para analizar “o importante papel que desempeñan estes animais na prevención de ataques ao gando por parte de lobos e xabarís e a súa presenza cada vez maior en explotacións galegas realizando labores de pastoreo e coidado do gando”.

Neste sentido, Ernesto Fernández, presidente da asociación, agradeceu a inclusión explícita da raza de can de palleiro na orde de axudas de 2019 para a prevención dos danos causados por determinadas especies de fauna silvestre. Así, trasladoulle á directora xeral que esta decisión “supón un recoñecemento por parte da Xunta das aptitudes dunha raza autóctona galega como can de pastor, especialmente apta para o coidado de animais en explotacións extensivas e que pode “complementar” perfectamente a función dos mastíns”.

Precisamente, dende representantes do sector gandeiro tense criticado a inclusión desta raza na orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente ao consideraren que non ten aptitudes para protexer o gando fronte aos ataques do lobo, a diferencia doutras razas como o mastín.

A este respecto, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo lembrou que a adquisición de cans de palleiro “xa fora incluída por primeira vez na convocatoria de 2018 e explicou que era unha demanda do propio sector agrogandeiro, que viña reclamando axudas para a compra de cans de pastor e concretamente, de exemplares autóctonos”.

Nesta liña, o presidente da entidade, Ernesto Fernández, incidiu en que “a raza de can de palleiro forma parte do patrimonio natural de Galicia e existen testemuñas históricas que demostran as súas aptitudes para o coidado do gando”, polo que considera que medidas coma esta serven para potenciar e poñer en valor a importancia desta raza autóctona.

Cómpre lembrar que segundo a convocatoria de axudas do 8 de xaneiro, será subvencionable a compra de cans protectores e defensores do gando cunha idade inferior ou igual a 4 meses das seguintes razas: mastín español, mastín do Pirineo e can de palleiro.

Así mesmo, os beneficiarios recibirán axudas para os gastos de identificación, debendo o interesado aportar documentación relativa aos controis sanitarios realizados ao animal, á identificación do animal e á súa inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC). No caso do can de palleiro, ademais, o solicitante ten que achegar o certificado da entidade xestora do libro xenealóxico da raza, como así o solicitou o propio Club da Raza Can de Palleiro.

Achegas ao regulamento

A nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia e o seu desenvolvemento regulamentario foi outro dos temas abordados durante a reunión. A este respecto, Belén do Campo avanzoulles que o seu departamento xa está a traballar na elaboración do regulamento da devandita lei, coa intención de que estea aprobado este mesmo ano.

Neste sentido, os representantes do Club da Raza Can de Palleiro aproveitaron a xuntanza para ofrecer a súa colaboración á consellería neste proceso e para trasladarlle á directora xeral algúns dos aspectos que desde a entidade consideran que se deberían incluír e abordar no futuro regulamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información