A Xunta ampliará un mes o prazo para solicitar plans de mellora

A Xunta ampliará un mes o prazo para solicitar plans de mellora

A Consellería de Medio Rural está tramitando unha ampliación dun mes para presentar as solicitudes de axudas de plans de mellora, segundo informaron a Campo Galego dende o departamento que dirixe José González. Esta liña de subvencións, dotada para este 2020 con 24 millóns de euros, tiña como data límite para solicitala o 28 deste mes de febreiro, co que coa ampliación poderán presentarse solicitudes ata o 28 de marzo.

Precisamente este venres a organización Unións Agrarias emitía unha nota na que lle lle pedía á Consellería do Medio Rural esta ampliación ao considerar que “vai a deixar fóra outra vez a moitas granxas galegas que non van poder conformar a documentación do expediente” para a data límite inicial do 28 de febreiro.

“Ademais para conseguir licenza de obras nos concellos provoca que se retrase moito a tramitación, unha situación que pode levar a que moitos produtores fagan desembolsos para tramitacións que finalmente non van valer para nada por quedar fóra de prazo”, explican.

O importe da axuda para os plans de mellora é do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación.

Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información