A Xunta aboa estes días 16 millóns de euros a 4.000 produtores polas axudas da PAC 2019

Publicidade
A Xunta aboa estes días 16 millóns de euros a 4.000 produtores polas axudas da PAC 2019

A Consellería de Medio Rural informa de que paga estes días case 16 millóns de euros a máis de 4.000 gandeiros e agricultores galegos polas axudas da PAC de 2019. En concreto, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) comezou a aboar este venres as achegas correspondentes ás medidas de desenvolvemento rural da convocatoria do ano pasado.

Así, por unha banda, o Goberno galego está facendo fronte aos pagamentos da medida relacionada co agroambiente e o clima, ingresando aos beneficiarios máis de 13,6 millóns de euros por este concepto. Do mesmo xeito, está a aboar as axudas ao desenvolvemento rural correspondentes á agricultura ecolóxica, por un importe superior aos 2,2 millóns.

Ata o 15 de xuño pódese solicitar a PAC

Canto á convocatoria da PAC de 2020, dende a Consellería de Medio Rural lembran que se ampliou o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de xuño, para paliar as restricións levadas a cabo por mor do coronavirus, que impediron que moitos gandeiros e agricultores galegos se puidesen achegar aos bancos e ás entidades de aconsellamento para tramitar estas achegas.

Mentres, rematará o día 30 do mes que vén tanto o prazo de modificación das solicitudes únicas como o prazo de presentación das solicitudes de alegación do SIXPAC e das comunicacións da cesión de dereitos de pagamento básico.

O orzamento deste ano elévase aos 216 millóns de euros, dos que 170 millóns corresponden aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e ás axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control. Os outros máis de 46 millóns de euros irán dirixidos ás medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que son as que a Xunta está aboando estes días da convocatoria pasada.

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros da comunidade soliciten ata mediados de xuño estas achegas de gran interese para o sector primario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información