Xosé Alfredo Pereira: “A revisión do plan forestal supón privatizar os montes veciñais”

Artigo de opinión de Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, sobre a revisión do Plan Forestal de Galicia.

Xosé Alfredo Pereira: “A revisión do plan forestal supón privatizar os montes veciñais”

Xose Alfredo Pereira Martinez

O Plano Forestal de Galiza, non é un plano de ordenación. Está considerado como un plano reitor de carácter estratéxico para a planificación e a execución da política de montes no territorio galego .Ten rango de Decreto e polo tanto será aprobado polo Consello da Xunta.

Sen embargo, un documento estratéxico que afecta aos 2/3 do territorio galego vai ser aprobado sen debate parlamentar e mesmo sen debate sectorial. É certo que no debate previo participaron as entidades e organizacións relacionadas co monte e co medio rural que forman parte do Consello Forestal .Non cabe dúbida de que estas entidades e organizacións son representativas. Mais no Consello Forestal non están representadas todas as entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o monte e o medio rural. Por pór dous exemplos, non están representados nin os sindicatos agrarios nin as centrais sindicais .

A Consellería do Medio Rural xa ten aprobado o texto para a Primeira Revisión do Plano Forestal de Galiza (o de aínda estar en Borrador é un trámite burocrático que ten que pasar). No relativo ao monte veciñal en man común o documento para a revisión do plano forestal de Galiza é nidio. Propón sen ningún subterfuxio a eliminación da figura singular dos montes veciñais en man común co fin de proceder a súa incautación e entregarllos case de balde ás empresas forestais privadas. Por dicilo dun xeito sinxelo, esta revisión do plano forestal de Galiza pon o ramo que viñan buscando dende fai tempo os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos. Isto é, a privatización dos montes veciñais .

“A proposta da Consellería supón a privatización dos montes veciñais”

Os ideólogos neoliberais, como os que redactaron o texto para a primeira revisión do plano forestal de Galiza saben que a linguaxe non é neutra, que encerra unha ideoloxía. Saben que a mellor forma para que desapareza unha cuestión é deixar de nomeala polo seu nome, rebaptizala. Neste documento os montes veciñais en man común transfórmanse en montes colectivos, equiparándoos aos montes das Sociedades de fomento forestal, aos montes de varas e aos montes españois de socios .

¿Como se poden equiparar estes tres últimos tipos de montes, que son montes de titularidade privada, cos montes veciñais en man común que son de titularidade comunitaria? Non se pode. Fano para autoxustificarse e así ter mais doado o seu obxectivo central: sacarlle estas terras comunitarias á veciñanza comuneira. Deste xeito, os montes veciñais en man común deixan de ser outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas, un sinal de identidade da nosa nación. Serán como os montes de socios da provincia española de Soria .

Os redactores do texto (a Consellería do Medio Rural) para a primeira revisión do plano forestal de Galiza, na súa fixación enfermiza de incautar monte veciñal en man común para entregarllo de balde ás empresas forestais privadas (eles usan o eufemismo de ”xestión profesionalizada”), non se paran en barras e válelle todo. Así, válelles que unha comunidade de montes se atrase un chisco na elección da nova xunta reitora . Válelle que logo dunha noite de alegría, calquera alto cargo da consellería competente en materia de montes se levante eufórico/a e diante dun bombo con números diga ”Imos hoxe a incautar 5 montes veciñais porque o precisan as empresas forestais”. Mesmo lle vale que unha comunidade de montes infrinxa algún precepto da lei de montes ou da lei de prevención de lumes forestais. Estamos diante dunha aberración xurídica .

Perda das terras dos montes comunais por infraccións

Até o de agora a infracción dun precepto da lei levaba, como é lóxico, unha sanción . Agora leva tamén a perda da xestión das súas terras. Curiosamente, esta aberración xurídica non se lle aplica nen os montes de particulares, nen os montes de varas, nen os montes das Sociedades de fomento forestal. Soamente se lle aplica aos montes veciñais en man común. ¿Queda algunha dúbida do obxectivo da Consellería do Medio Rural? .

A todo isto hai que engadir o cinismo co que foi redactado este Borrador. Mentres neste documento di que establecerase o procedemento para as posíbeis declaracións dun monte veciñal en estado de grave abandono (cousa que semella lóxica) o Partido Popular , en solitario, ven de aprobar no Parlamento Galego a Lei da Acompañamento mediante a cal modificase varios artigos da lei de montes veciñais en man común actualmente vixente.

“Coa Lei de Acompañamento dos orzamentos modifícase pola porta de atrás a Lei de Montes veciñais”

Así, mediante estas modificacións os montes veciñais en man común cos criterios que mellor entendan os xestores do Banco de Terras (é dicir, de xeito arbitrario), poden ser declarados en estado de grave abandono. Esta declaración significa a incautación deste monte veciñal para entregarllo a unha empresa forestal, nada máis e nada menos que por un período de 50 anos. Converten en lei unha proposta que aínda está en borrador .

Os redactores do Borrador para a primeira revisión do plano forestal de Galiza , alumnos (ou profesores) do candidato do Partido Popular, puxéronse diante do papel e lanzaron a consigna : A por eles, a polos montes veciñais. Se cadra, pódelle pasar o mesmo que ao candidato do Partido Popular en Catalunya, caer derrotado .Esto é moi posíbel xa que a defensa dos montes veciñais en man común dependen de nós, da veciñanza comuneira, da maioría social do pobo galego .

Xose Alfredo Pereira Martinez

Una idea sobre “Xosé Alfredo Pereira: “A revisión do plan forestal supón privatizar os montes veciñais”

  1. Fran Espinosa

    O primeiro que debe facer a Xunta é entregar os datos,e as contas da xestión dos montes consorciados, e tamén incluiría que rendira contas o Banco de Terras da súa “modelica xestion”, podese ver que parcelas que foron entregadas ao banco de terras como terreo cultivable hoxe están clasificadas como terreo forestal por estar a mato, ….cumpliu a propia Xunta o nivel de xestión que lle pide que fagan agora as Comunidades de Montes Veciñais?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información