A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Xornada sobre claves para lograr un ensilado de millo de calidade

A compañía KWS ofreceu en Santiago recomendacións no manexo e na selección dos híbridos para conseguir mellores resultados no silo, atendendo a aspectos como o aproveitamento de almidón ou o grao de humidade

Xornada sobre claves para lograr un ensilado de millo de calidade

Participantes na xornada impartida pola firma KWS sobre ensilados de millo de calidade.

A firma KWS, especializada na comercialización de sementes, impartiu esta semana unha charla en Santiago na que abordaron algunhas das claves para lograr ensilados de mellor calidade. O xerente de produtos de millo para ensilado de KWS, Dimas Cardoso, ofreceu recomendacións para a elección de variedades coas que aumentar a cantidade de leite e carne que se logra nos animais e non só lograr maiores rendementos por hectárea na leira.

Cardoso recomendou elixir híbridos orientados especificamente ao ensilado. “Os graníferos teñen unha digestibilidade de fibra inferior, e aínda que produzan máis grans, a resposta animal pode ser menor”, explica.

Á hora de escoller unha variedade para ensilado, o experto aposta por dar prioridade a que teña un alto número de grans, pero sobre todo unha alta dixestibilidade da fibra, así como unha elevada conversión en carne ou leite. As mellores opcións son as variedades que ofrezan talos grosos (que aseguran un menor contido de lignina, e por tanto unha maior dixestibilidade da fibra), follas sas e grans profundos para un mellor procesamento. “Estas variedades ofrecen unha estabilidade de rendemento fronte a diferentes datas de sementeira”, sinala o experto.

Un ensilado de calidade

O labor do agricultor débese orientar á obtención dun ensilado de millo de calidade, “que son aqueles que reducen os custos de alimentación e dan resposta á demanda dos sistemas produtivos actuais”, apunta. Para el, ese alimento permitirá aos animais de alto rendemento reducir o Intervalo Entre Partos (IEP), así como os días en leite (DEL), ao mellorar o nivel nutricional da vaca e polo tanto a súa capacidade reprodutiva.

Todo iso sen perder de vista que os ensilados de alta calidade poden ter unha importante participación na dieta dos animais, xa que achegan fibra e enerxía, co que diminúe a necesidade de uso de concentrados.

Aproveitar todo o amidón

En canto á necesidade de uso do ‘cracker’ de grans durante o picado, Cardoso sostén que é fundamental que o gran estea partido para un mellor aproveitamento do amidón. Cando o gran non é tratado obsérvase a súa presenza nas feces do animal, e cando se analiza o seu contido de amidón atópanse valores moi elevados, cun potencial que non aproveitou o animal.

“O ‘cracker’ é moi importante para aproveitar o máis valioso do ensilado: a enerxía contida dentro do gran”, explica Dimas Cardoso

Cardoso asegura que é moi importante que o contido de amidón nas feces non supere o 5%, xa que por cada 1% de almidón que se atopa en feces déixanse de producir 350 mililitros de leite ou 35 gramos de carne.

“O ‘cracker’ é moi importante para aproveitar o máis valioso do ensilado: a enerxía contida dentro do gran”, sostén. Ademais, co obxectivo de aproveitar eficientemente o amidón recomenda, na medida do posible, comezar a consumir o silo a partir dos 150 días posteriores á súa elaboración. “Actualmente os materiais dispoñibles posúen un 12-14% do amidón que non se logra utilizar, e é por iso que en KWS estamos a traballar na selección de millos cuxo amidón se poida utilizar nun 100%”, agregou.

Grao de humidade

Respecto do contido de humidade no momento do picado, o especialista sinala que a medida que aumenta a porcentaxe de materia seca tamén aumenta a produtividade de leite e carne por hectárea. O mellor equilibrio entre humidade e acumulación de amidón dáse cando a materia seca se situa nun rango de entre o 32 e o 38%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *