Data inicio: 01/12/2018
Data fin: 01/12/2018
Lugar: Liñaio, Negreira, España
A IV Xornada do Rural ‘Pousa Antelo‘ terá lugar no teleclube de Liñaio (Negreira) o sábado 1 de decembro. Trátase da cuarta edición dunha xornada que organiza anualmente a Asociación Cultural “Afonso Eanes” e que pretende divulgar aspectos relacionados co mundo rural, tanto dende o punto de vista técnico coma dende un punto de vista social ou cultural.
Están dirixidas a calquera tipo de público interesado nestes temas, e especialmente á xente do rural da comarca de Barcala. As xornadas están adicadas a Avelino Pousa Antelo, destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés, que traballou boa parte da súa vida en temas relacionados coa agricultura e o cooperativismo.
Nesta cuarta edición, a xornada inclúe charlas, coloquios e, como é costume, tamén un xantar colectivo. Abordarán temas variados como son: o problema coas cisternas de xurro e a PAC; a historia da especialización láctea en Galicia; experiencias sobre proxectos agrarios dirixidos por mulleres; a nespra do castiñeiro; a construción en madeira; e as malas prácticas na paisaxe, en relación co uso da madeira.
A entrada é de balde e só será preciso anotarse no caso de participar no xantar previsto.