Xornada Informativa de Mel de Galicia para apicultores e envasadores

Publicidade
Xornada Informativa de Mel de Galicia para apicultores e envasadores
Data inicio: 23/04/2016
Data fin: 23/04/2016
Lugar: Sergude, Quián, España

Este sábado, 23 de abril, o Salón de Actos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, (A Coruña) acollerá, a partir das 10.00 horas e ata as 14.00 horas, a III Xornada Informativa IGP Mel de Galicia, impulsada polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Durante o transcurso da cita informarase acerca da adaptación de apicultores e envasadores á acreditación do Consello Regulador, a aplicación da nova normativa comunitaria para produtos alimenticios e a importancia da marca no mercado, entre outros datos de interese para o sector apícola.

As diferentes perspectivas serán expostas por María de Diego e Beatriz Ríos, pertencentes ao Consello Regulador; Elva González, do Servizo de Control de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural; Roberto Janeiro, director en Galicia de Herrero & Asociados; e Ester Ordóñez, presidenta do Consello Regulador.

Así tamén, ás 11.45 horas procederase á entrega de certificados de uso de Marca aos envasadores da IGP Mel de Galicia por parte da Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén María do Campo Piñeiro.

Programa da xornada

De forma pormenorizada, destacar que ás 10.00 horas terá lugar a apertura da xornada, baixo a batuta de Ester Ordóñez Dios. Ás 10.15 arrincará a cita informativa con algúns dos temas de maior interese para apicultores e envasadores: a adaptación para o autocontrol dos inscritos, as axudas para produtores acollidos e as actividades promocionais do Consello Regulador. Posteriormente, ás 11.00 horas, informarase acerca da visión xeral da etiquetaxe e as mencións específicas para o mel conforme á nova normativa comunitaria. Tras a entrega de certificados e unha breve pausa, ás 12.30 horas, retomarase a xornada coa importancia de rexistrar unha marca e as peculiaridades do sector, para unha hora máis tarde, dar paso á mesa de prezos do Mel de Galicia.

Cabe destacar que durante o transcurso da xornada tamén terá lugar unha recollida de firmas para a modificación da lexislación relativa ao mel. Con ela búscase paliar as deficiencias na etiquetaxe do mel, procurando que o consumidor poida discernir claramente a súa procedencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *