Xornada de Agaca para promover a incorporación ó sector agrogandeiro e forestal

Un grupo de seis persoas mozas vinculadas ó agro contará as súas experiencias de éxito durante o acto, que se desenvolverá o próximo xoves 9 en Santiago

Publicidade
Xornada de Agaca para promover a incorporación ó sector agrogandeiro e forestal

Fragmento do cartel da xornada.

Data inicio: 09/03/2017
Data fin: 09/03/2017
Lugar: Hotel Eurostars San Lázaro, Avda. Fernando Casas Novoa, s/n (Santiago de Compostela)

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) programou unha xornada o próximo xoves 9 de marzo para promover a incorporación da mocidade a actividades dos sectores agrogandeiro e forestal. Participarán no evento, coorganizado pola Obra social La Caixa, un grupo de 6 persoas que contará os seus casos de éxito. Tamén está prevista a intervención de especialistas en aspectos coma tendencias de mercado ou estratexias de márketing.

Entre os testemuños en primeira persoa que se poderán escoitar na xornada, figura o de Xosé García (socio da cooperativa de Lemos), que introduciu unha muxidora portátil na explotación e que comezou a transformar a súa produción en derivados lácteos que el mesmo comercializa. Tamén intervirán outros gandeiros, como Román Torres (Sat Casa Román), socio de Agris, que mellorou a súa rendibilidade perfeccionando o manexo do gando; ou Rafael Caamaño (Gandería Xirome), que conta cunha granxa modelo de produción láctea.

Outros participantes na xornada traballan no sector agrícola e forestal. É o caso de Alberto Amil, presidente da cooperativa Horsal e que deixou a construción para montar unha explotación hortícola que no último ano facturou 125.000 euros. Tamén intervirá Juan Allegue, vicepresidente da adega cooperativa Martín Códax e ex-profesor licenciado en Filoloxía Galega, que mudou o ensino pola xestión de viñedos familiares. O barcelonés Javier Cabrera, que fundou en Galicia Resega Montes, empresa especializada na xestión forestal e na extracción de resina, completa o capítulo de experiencias.

Expertos
En canto ó panel de ponencias especializadas da xornada, contarase coa participación de Jorge Eiroa, director de compras de Vegalsa-Eroski, que aclarará as tendencias de consumo alimentario e distribución; Juan Méndez, profesor da USC, que avanzará as previsións de industria e innovación alimentaria para novos produtores; Juan Vázquez, director xeral da adega cooperativa Martín Códax e presidente do Clúster Alimentario de Galicia, que falará sobre márketing e comercio alimentario; e Laura Lema, responsable de negocio agrario en Galicia de CaixaBank, que ofrecerá unha charla sobre estratexias e apoios económicos para a comercialización a través de Internet.

A xornada desenvolverase de 9.30 a 15.30 horas no Hotel Eurostars (San Lázaro, Santiago de Compostela). Para asistir, pódese facer a inscripción gratuíta a través do teléfono 981-584.783.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información