Xirpín: recuperando a tradición vinícola do Barbanza

Antonio Saborido está recuperando os viñedos de Boiro, dentro da Indicación Xeográfica Protexida “Barbanza e Iria”. “Temos tanta ou máis tradición vitivinícola que no Salnés, só que aquí abandonouse en favor do marisco”, asegura. A súa marca, Xirpín, acaba de sumar novos viños no mercado

Publicidade
Xirpín: recuperando a tradición vinícola do Barbanza

Antonio Saborido con cepas de Raposo ou Branco Lexítimo de máis de 200 anos na súa parcela de O Xirpín

“En Boiro, e en xeral nos concellos do sur da Barbanza, temos tanta ou máis tradición vitivinícola que no Salnés, somos o centro das Rías Baixas, só aquí os viñedos abandonáronse a favor do marisqueo e da pesca”.

Quen así fala é Antonio Saborido, viticultor e adegueiro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Viños de Barbanza e Iria, que botou a andar no 2007 e que ampara os viños producidos na ladeira sur, a máis soleada, da península barbanzá e da desembocadura do Sar.

“Nesta zona sempre houbo tradición de viticultura, en pequenos viñedos que tamén se aproveitaban para a agricultura, plantando entre as parras de cepas cultivos como patacas, ervellas ou fabas. De feito nos anos 30 e 40 do século pasado había bastantes adegas en Boiro e na Pobra que subministraban viño a Santiago, Muros, Noia, Ribeira ou Portosín, e mesmo na praia de Carregueiros cargábanse pipotes de viño en barcos para Cambados”, explica.

Unha tradición vitícola que se foi perdendo debido ao abandono dos viñedos en favor doutras actividades económicas e que Antonio, xunto a outros viticultores se propuxo recuperar, impulsando a IXP Viños de Barbanza e Iria.

Hoxe este viticultor, que conta dende 2005 cunha moderna adega, cultiva na parroquia do Castro arredor dunha hectárea de viñedos, repartidos en 12 parcelas, a maioría viñedos da familia que el se empeñou en preservar, ademais dunha moderna plantación en espaldeira duns 4.000 metros cadrados.

“As variedades autóctonas galegas exprésanse aquí de forma diferente”

Trátase de viñedos nalgúns casos situados ao carón do mar, e é precisamente a conxunción entre a influencia das brisas mariñas, as variedades autóctonas e o sistema de condución tradicional -en parras que non superan os 1,20 metros de altura- o que fai que estes viños sexan únicos, expresando un terroir autenticamente atlántico.

As variedades brancas que cultiva son nun 60% Albariño, “de cepas de arredor de cen anos -precisa- e dun clon propio que da acios máis pequenos”, e nun 40% Branco Lexítimo, ou Raposo, como se coñece nesa zona, e unhas poucas cepas de Godello. En tintas, os viñedos de Antonio Saborido teñen un 50% de Caíño Tinto, ou Cachiño como din aquí, e un 40% de Mencía, e unhas poucas cepas de Sousón.

O terroir desta zona imprímelle unha expresión propia a estas variedades. Así, segundo este viticultor “o Caíño ten menos acidez, menos ácido málico e é máis doce e a Mencía exprésase de xeito moi diferente a non interior de Galicia, pois é moito máis suave e non pasa dos 12 graos de alcohol”.

“As variedades que mellor se comportan aquí a nivel de produción e de resistencia a enfermidades fúnxicas son o Caíño, o Sousón e o Raposo ou Branco Lexítimo”, engade Antonio.

Cepas de Raposo/Branco Lexítimo de máis de 200 anos

Precisamente é a variedade Raposo o emblema desta adega e tamén dos viños da Barbanza, con cepas nalgúns dos viñedos de Antonio Saborido de máis de 200 anos; é dicir, de antes da chegada da Phylloxera a Galicia.

“Son cepas que están en solos moi areosos, case ao carón do mar, e por iso a Phylloxera non entrou, e aproveitáronse para recuperar o Branco Lexítimo en Galicia, a través da Evega”, explica.

Trátase dunha variedade de ciclo máis curto que o Albariño, que se vendima entre finais de agosto e o 15 de setembro, que pode acadar ata os 14 graos de alcohol e sitúase de medio nun 6,5 de acidez. Ademais, ten a vantaxe de que é máis resistente aos ataques do Mildeu e do Oidío, aínda que si é sensible á Botrite, especialmente na primeira quincena de setembro.

Todas estas características, xunto ao feito de ser unha variedade histórica da Barbanza, fan que para Antonio Saborido “o Raposo teña moito potencial para lograr uns viños que sexan aprezados”.

Xirpín: a marca de Antonio Saborido aposta polos monovarietais

Actualmente este viticultor comercializa os seus viños, elaborados tanto con produción propia como mercada a veciños da zona, baixo a marca xenérica Xirpín e unha dorna como logo da adega.

“Xirpín é a parcela onde se conservan as cepas de Raposo de máis de 200 anos e a dorna é unha homenaxe ao meu pasado mariñeiro, porque traballei a maior parte da miña vida como capitán de pesca ata que unha enfermidade me obrigou a volver á terra, e foi entón cando decidín coidar as viñas dos meus pais”, explica Antonio Saborido.

En total, comercializa unhas 10.000 botellas de branco e arredor de 9.000 de tinto, aínda que a cifra varía segundo acompañe o tempo á viticultura na zona. Empezou no mercado con dúas marcas: Xirpín Branco, cun 60% de Albariño e un 40% de Branco Lexítimo e Xirpín Tinto, cun 60% de Mencía e 40% de Caiño Tinto.

Pero este ano pasado decidiu diversificar apostando polos viños monovarietais. Así, quitou ao mercado 1.300 botellas numeradas de O Raposo de Xirpín, unha homenaxe a esta variedade emblemática; 1000 botellas Xirpín Albariño, elaborado a partir cepas vellas; e en tintos, apostou por Miúdo, 1.300 botellas a partir de uva 100% Caiño e Orballo, un monovarietal de uva Mencía.

“O mercado está respondendo ben a esta aposta, e sobre todo o Miúdo e O Raposo de Xirpín están a ter moi boa acollida”, destaca Antonio.

O mercado dos viños desta adega é principalmente de proximidade, en Boiro, Cabo de Cruz e A Pobra do Caramiñal, pero tamén están empezando a comercializarse en tendas especializadas, como Vide Vide!, en Santiago de Compostela, que o pasado xoves acolleu a presentación dos viños de Antonio Saborido.

xirpin_06

Antonio Saborido presentando os seus viños en Santiago no Vide Vide!

O futuro: relevo xeracional e plantacións modernas

En canto ao futuro desta adega, unha das tres que hai na IXP Viños Barbanza e Iria, pasa polo relevo xeracional e por unha modernización dos viñedos. Sobre o primeiro, a súa filla Nuria está cursando estudos de viticultura e enoloxía no CIFP A Granxa, en Pontearas, e a súa intención é tomar o relevo na adega familiar.

En canto á modernización dos viñedos, Antonio Saborido considéraa “imprescindible para que se incorpore a xente nova”. “Sería necesario facer plantacións modernas en espaldeira, de maior tamaño, que faciliten o traballo e reduzan os custos de produción”, subliña. Neste sentido, informa de que no seu caso están en conversas coas comunidades de montes veciñais da zona para poder realizar unha plantación de dúas ou tres hectáreas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información