A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Xestión da fracción sólida do purín para a cama das vacas

A feira Cimag Gandagro acolleu unha xornada técnica que explicou distintas posibilidades de manexo do purín, coma o seu uso na cama das vacas ou a reducción da súa carga de nitratos

Xestión da fracción sólida do purín para a cama das vacas

Balsa para compostar a fracción sólida dos puríns.

A fracción sólida dos puríns sometida a un proceso de hixienización é un material válido para a cama das vacas, como están a demostrar nos últimos meses as primeiras explotacións galegas que comezaron a incorporar o sistema. Unha xornada abordou en Cimag Gandagro o proceso a seguir no manexo dos xurros para camas e as posibilidades que ten o sistema en Galicia.

A reutilización da parte sólida dos puríns para a cama das vacas ofrece dúas vantaxes claras para as granxas. Por un lado, ao separar a parte sólida da líquida, redúcese a carga de nutrientes da fracción líquida, o que permite o reparto de máis cisternas en terras próximas á explotación. A segunda cuestión é o aforro de gastos en area ou noutros materiais empregados para as camas.

“Unha explotación de 200 vacas que decida sustituír a area da cama das vacas pola fracción solida do purín, previamente hixienizada, pode aforrar ó ano arredor de 12.000 euros”, calcula Ramón Gea, de Segalés, unha firma catalana que impulsa este sistema e que conta con Maquinaria Agrícola Corbar como distribuidor en Galicia, Asturias e norte de Portugal.

Proceso

O manexo dos xurros almacenados na balsa comeza pola súa separación nunha fracción líquida e unha sólida, para o que se emprega un separador de puríns. O seguinte paso consiste no depósito da fracción sólida nunha balsa cunha base de cemento e acondicionada cuns tubos a través dos que se insufla aire, por medio duns ventiladores.

A aireación intermitente da fracción sólida do purín provocará a súa compostaxe e hixienización. O proceso, no que se acadan temperaturas superiores ós 50º centígrados, débese manter un mínimo de 5 días. O resultado é un compost esponxoso que presentará alomenos un 40% de materia seca e cun baixo reconto de microorganismos. “Os indicadores de fecalidade e as enterobacterias redúcense en máis dun 99%”, explica Josep Turet, microbiólogo da Universidade de Vic, que participou onte na xornada sobre puríns organizada na feira Cimag – Gandagro.

Experiencia

A xornada contou tamén coa participación dun dos primeiros gandeiros galegos que instalou o sistema, Miguel López, de Sat O Liñar (Sarria), que confirmou a súa satisfacción co cambio ás camas elaboradas coa fracción sólida dos xurros. “O principal medo que tiñamos era que nos subiran as mamites. Na nosa explotación nunca tivemos problemas especiais de mamite, algún caso esporádico, e pensabamos que igual comezabamos a ter máis problemas, pero seguimos coma sempre. Non detectamos ningunha incidencia” -valora Miguel, que instalou o sistema este outono-. “Queremos ver como funciona no verán, pero polo de agora a experiencia é boa”, conclúe.

A explotación fai un acondicionamento diario das camas e sustitúeas na actualidade cada sete días, aínda que o seu obxectivo é pasar a sustituílas cada catro días.

Ramón Gea, Josep Turet e Miguel López, de esquerda a dereita.

Ramón Gea, Josep Turet e Miguel López, de esquerda a dereita.

Plantas de nitrificación – desnitrificación

Outra alternativa de manexo de puríns abordada na xornada, de especial interese para granxas intensivas, como as de porcino, foi a das plantas de nitrificación – desnitrificación. Estas plantas, que teñen un custo que ronda os 140.000 euros, son capaces de reducir os nitratos do xurro nunha media do 58%.
O proceso comeza coa separación dos puríns, tratándose a fracción líquida por medio dun dixestor, no que as bacterias transforman o nitróxeno amoniacal en nitratos. Eses nitratos son a súa vez modificados por outras bacterías, que os converten en nitróxeno atmosférico, que pode ser liberado ó aire. “Só hai un 3% de emisións incorrectas, co cal a rebaixa da contaminación é moi alta”, explicou Josep Turet, da Universidade de Vic.

O efluente resultante do sistema pode ser usado en fertirrigación, presentando baixas porcentaxes de nitratos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *