“A xente nova pode vivir da gandería con calidade de vida e cun salario digno”

Sergio González Fernández é un mozo que acaba de incorporarse á gandería de vacún de carne en Montederramo, un dos concellos máis gandeiros da provincia de Ourense. Cóntanos como está a ser a súa experiencia

“A xente nova pode vivir da gandería con calidade de vida e cun salario digno”

Sergio González Fernández coas súas vacas de raza Rubia Galega

Sergio González Fernández é un mozo de 28 anos que o ano pasado decidiu incorporarse á gandería de vacún de carne en Montederramo, un dos concellos máis gandeiros da provincia de Ourense. Aínda que os seus pais xa tiñan unha explotación, el decidiu crear unha nova, con 40 vacas de raza Rubia Galega. Iso si, no día a día traballa conxuntamente cos seus pais, nun entorno coidado de verdes pradeiras separadas por sebes de carballos.

Sen embargo, a formación de Sergio non ía para este sector: “Estudei un ciclo superior de electricidade e estiven traballando diso, pero o que me tiraba dende pequeno sempre foi o gando”. Pasado o desgusto inicial da familia -os prexuízos sociais sendo un dos principais obstáculos para a incorporación de xente nova ao campo- hoxe tanto el como os seus pais consideran que foi un acerto.

¿De onde che ven o teu apego pola gandería?
Dende pequeno sempre me gustaron os animais e traballar con eles. Os meus pais, Sergio e Carmen, son de Suspiazo, unha aldea na que sempre houbo gandería. De feito, os meus avós, tanto maternos como paternos, xa vivían da gandería.

Os meus pais foron aumentando e mellorando a explotación, sempre apostando pola raza Rubia Galega. Sen embargo, no ano 2001 fixéronnos un baleiro sanitario completo por brucelose, e tivemos que sacrificar as 48 vacas rubias que tiñamos. Afectou a moitos gandeiros de Montederramo e foi difícil recuperarnos porque volver arrancar desde cero foi complicado, con novos animais que tiveron que adaptarse a esta zona, na que estamos a uns 800 metros de altitude.

¿Como foi a túa incorporación?
Estudei un ciclo superior de electricidade e traballei diso pero o que realmente me tiraba era a gandería. E aproveitando que o meu pai se xubilou o ano pasado e que á miña nai aínda lle quedan anos para a xubilación decidín incorporarme en febreiro do ano pasado.

Recibín unha axuda de incorporación que investín na súa totalidade en comprar 30 xovencas preñadas de Raza Rubia Galega na nave que ten ACRUGA na Granxa Gayoso Castro. Como necesitaba tamén base territorial para crear a nova gandería tiven a sorte de que un gandeiro de Paredes, unha aldea cercana, que se xubilaba e non tiña relevo, alugoume a súa base territorial. Non solicitei plan de mellora, porque emprego as mesmas instalacións que a explotación da miña nai.

O peor da incorporación foi a burocracia, exixen demasiados trámites burocráticos e chega a desanimarte.

“O peor da incorporación foi a burocracia”

A túa familia ao comezo non o recibiu con entusiasmo…
Tomárono mal, non querían, preferían que seguise pola rama da electricidade. Pero unha vez que está todo montado dá pena desfacerse de todo isto ou deixalo esmorecer. Hoxe creo que están satisfeitos e eu tamén de incorporarme, pero creo que a Administración debían tirar máis por isto para que a xente nova viñese traballar e vivir ao rural.

Teño tempo libre, neste sistema de gandería de carne en extensivo podes collerte libre un fin de semana, quitar un salario digno, organizar o teu tempo e estar en contacto coa natureza e cos animais. Aínda que é certo que tes momentos de apuro de traballo, sobre todo na época de ensilado e de sega da herba, sen embargo creo que ten moitas vantaxes.

¿Como é a túa gandería a día de hoxe?
Hoxe manexamos sobre 140 hectáreas de pradeiras, nun radio de 3 kilómetros arredor do establo e neste sentido creo que esta zona é privilexiada, porque os gandeiros non temos tanto problema de falta de base territorial e o prezo da terra aquí é razoable.

Das fincas, 86 hectáreas son en propiedade e o resto cedidas ou alugadas, moitas veces sen contrato, porque a xente a veces é reticente a asinar papeis.

En canto ao rabaño, eu teño 40 vacas ao meu nome, todas de Rubia Galega, e un touro. E a miña nai ten un rabaño de 50 vacas de raza Caldelá e dous touros, e outro rabaño de 40 rubias e outro touro. En total uns 140 animais.

A recría facémola na propia explotación, para evitar riscos sanitarios de animais que veñen de fóra, e recriamos cada ano entre 12 e 15 xovencas. En total, vimos vendendo uns 110 becerros ao ano.

“Queremos a vaca Rubia Galega que houbo na casa toda a vida: larga, non culona, menos ancha e rústica”

¿Que tipo de vaca Rubia Galega buscades na vosa gandería?
Queremos a vaca Rubia Galega que houbo na casa toda a vida: larga, non culona, menos ancha e rústica, adaptada ao pastoreo e a estar fóra todo o ano.

Estas características perdéronse coa selección que se fixo da raza, orientada a poñer moitos quilos de carne, e de aí viñeron os problemas nos partos. No noso caso, grazas a que nas nosas vacas xa as foramos seleccionando, só podemos ter un problema de parto en 1 ou 2 vacas ao ano. No resto pairen soas sen necesidade de axuda ningunha. Esto non só significa menos gastos veterinarios senón tamén máis vida útil das vacas, de feito temos aínda algunhas nadas no 2002, con 17 anos e que seguen parindo e criando aos becerros sen problema.

As 30 xovencas preñadas que incorporei de Acruga e tamén o touro non son tanto dese tipo que tiñamos na casa, pero de momento estanse adaptando ben.

¿Que vos levou a conservar a raza Caldelá?
A caldelá mantémola porque esta é a zona tradicional dela. Hai uns 25 anos que se puxo en marcha unha gandería desta raza no monte comunal na Franqueira e nós tamén empezamos a metela.

É certo que é unha raza que dá menos quilos, pero engraxa moi ben entre os músculos e o seu sabor é intenso e único. Se tivo o tempo de maceración debido e se cociñou ben, o que a proba repite. De feito, para o consumo da casa criamos un becerro de Caldelá. Destacar tamén que somos socios de BOAGA, unha asociación que nos presta unha gran axuda.

“A caldelá cría mellor os becerros que a Rubia Galega”

En canto ás nais, son vacas que sacan moi ben todas as crías adiante e é unha moito máis rústica para estar fóra todo o ao. Mesmo acaba de nacer o becerro e xa se pon a mamar e as nais non teñen case problemas de mamites.

Todos os gandeiros se queixan de que o prezo da carne segue igual que hai 20 anos pero os costes disparáronse. ¿Que tal vendedes os vosos becerros?
Nós facemos unha cría en sistema extensivo de baixo coste de alimentación, baseado só no pasto. Os caldelaos antes tamén os vendiamos a Novafrigsa, pero os grandes matadoiros non valoran esta carne porque non se axusta aos estándares na clasificación. Por iso, dende hai un tempo estámolos vendendo todos a un carniceiro, Juan Manuel Lage, de Foncuberta (Maceda), e a verdade é que estamos contentos, aínda que o prezo sempre podería ser maior, pois é unha carne de calidade excepcional, certificada co selo de Raza Autóctona Caldelá 100%. De media estámolos vendendo sobre uns 5 euros o quilo, cun peso medio aos nove meses de 180 kilos para os machos e 150 kilos para as femias.

E os de Rubia Galega vendémolos a través de Acruga a Novafrigsa, en Lugo. Todos están certificados como Tenera Gallega Suprema e o prezo si que varía máis e está como na media: ata 4,80 euros o quilo no verán e sobre 4,40 euros o resto do ano. A diferenza de prezo é importante e por iso intentamos facer agrupación de partos para que as nais pairan no inverno, de forma que lles coincida a máxima demanda de leite dos becerros cos meses de maio e xuño, cando hai máis pasto, e poder vender os becerros no verán, pero non é fácil, porque non todas as vacas quedan preñadas.

Os becerros de rubia vendémolos tamén cun máximo de 10 meses de idade, sempre buscando que non pasen dos 240 kilos, pois penalizaríanos na clasificación das canais. De media vímolos sacando con 230 kilos de peso os machos e 200 kilos as becerras.

Tedes moi poucas mamites na vosa gandería. ¿Como o logrades?
O problema de mamite na rubia débese sobre todo a un mal secado. Intentamos secalas ben cando deixan de mamar os becerros, metendo cánulas. A caldelá, pola contra, non ten case mamites. De feito, das 50 caldelás só a 1 lle falta un teto, e ademais manteñen mellor aos becerros porque dan máis leite.

¿A alimentación das nais e dos becerros é prácticamente en ecolóxico?
Si, as nais están pacendo día e noite todo o ano fóra, a excepción das rubias, que cando pairen no inverno as recollemos de noite cos becerros para previr ataques do lobo, aínda que dende que empregamos mastíns prácticamente acabouse o problema.

Polo demais, as vacas aliméntanse únicamente de pasto, sobre todo de abril a agosto, que nesta zona de montaña é cando as pradeiras producen máis herba, e cando non hai suficiente pasto complementamos con silo de herba e herba seca que recollemos nós mesmos.

Os becerros está coas nais mamando ata os 7 meses e os últimos 2 meses ou 2 meses e medio están no cebadeiro, onde lle damos cereais a libre disposición mediante un sistema de moxegas, e herba seca.

Non estamos en ecolóxico pero, a excepción dos cereais, o resto da alimentación e da crianza cumpriría os requisitos. De feito, non empregamos herbicidas e o abonado das pradeiras é o que aportan as vacas.

¿Como manexades as pradeiras?
As pradeiras son totalmente naturais, e só anovamos algunha moi de vez en cando.

Antes tiñamos raigrás inglés pero non funcionaba ben nesta zona, e este ano fixemos un ensaio nunha finca de mestura de centeo con festuca: o centeo protexe a festuca da xeada e despois xa sae para arriba na primavera.

As vosas vacas cumprirían todos os requisitos para a recén creada IXP Vaca e Boi de Galicia. ¿Xa estades inscritos?
As vacas de desvelle vendémolas ao ano sen parir, para que engorden ben, e logo levámolas ao mercado de Silleda ou vendémolas a algún tratante que veña por aquí.

De momento aínda non estamos na IXP Vaca e Boi e Galicia, pero véxoo como unha saída interesante para darlle valor ao noso gando, sobre todo para as autóctonas, porque infiltran moi ben a graxa.

¿Algún boi ou vaca que saíra da vosa gandería e que lle gardedes un recordo especial?
De Contable, un boi de raza Caldelá que vendín este ano en Silleda, tiña 11 anos e foi excepcional. Capámolo e cebámolo durante 4 meses, un remate que podería ser maior, pero non me queixo do prezo. Foi un boi moi bo : manso e bo reprodutor. Non sei se volveremos ter un coma el.

Tamén vendimos unha vaca Caldelá para o País Vasco e gañou o primeiro premio no concurso de carne feita á grella.

“Quero aumentar o tamaño das parcelas e seguir mellorando a xenética da Rubia Galega”

¿Que cambios che gustaría facer á túa gandería e como ves o teu futuro en Montederramo?
Gustaríame mantela como estamos, mellorar a calidade e a produción de herba das pradeiras, concentrar as fincas para que teñan un tamaño maior e seguir mellorando a xenética da raza Rubia Galega, recuperando esa liña tradicional de vaca máis larga, non tan culona e cunha capa de cor intermedia entre o rubio da limousin e o branco da blonda. E por suposto, manter e mesmo aumentar o rabaño de Caldelás.

En canto á administración, debería manter os servizos para a xente que vivimos no rural, como internet, que non chega a moitas aldeas e que hoxe é imprescindible para a vida diaria, ou os servizos agrarios. Montederramo é o concello con máis vacas da provincia de Ourense, e non temos oficina agraria, temos que ir a Castro Caldelas. E dende o concello tamén se debería apoiar máis a gandería, que é a base económica deste municipio.

A gandería de Sergio en imaxes: 

SERGIO MONTEDERRAMO BOI rubia SERGIO MONTEDERRAMO pasto caldelas 1 montederramo sergio 1 SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS rubia 2 SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS rubia MAMANDO SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS CALDELA 1 SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS rubia MAMANDO 2 SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS CALDELA 2 SERGIO MONTEDERRAMO pasto caldelas 3

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información