Xenética Fontao copa o top-10 de touros xenómicos nas probas oficiais de Conafe

Clun mantén o seu liderado e no número 2 sitúase Risk, unha nova incorporación de Fontao que destaca polas súas altas producións de leite, graxa e proteína. A firma galega conta tamén con 6 dos mellores 10 touros probados

Xenética Fontao copa o top-10 de touros xenómicos nas probas oficiais de Conafe

Princi P, un dos touros xenómicos máis atractivos do panorama nacional, polo seu alto GICO de 4.758 e por combinar interesantes xenes, como o da cor de capa branca e vermella, o xen acorne e ser A2A2 e BB para as caseínas.

Xenética Fontao conseguiu case un pleno no Top-10 de touros xenómicos, segundo as últimas probas oficiais de Conafe (Confederación de Asociaciones de Frisona de España). Dos 10 primeiros touros xenómicos españois, 9 corresponden a Xenética Fontao. Clun revalida o seu liderado no ranking, seguido moi de preto por unha nova incorporación da firma galega, Risk, con 4.862 GICO, un touro que destaca polas súas altas producións de leite, graxa e proteína, e que desprazou a Donsimón, outro dos touros estrela de Fontao, ao terceiro posto.

O dominio absoluto de Xenética Fontao en touros xenómicos é previsible que se traslade nun futuro, a cinco anos vista, á clasificación de touros probados, posto que a xenómica está a demostrar unha fiabilidade alta para identificar a unha idade moi temperá aos animais mellor dotados. En calquera caso, Fontao mantén tamén na actualidade unha posición de liderado en touros probados, con 6 animais no Top-10, destacando Armónico, con 3.996 GICO no número 2.

Desde Xenética Fontao lembran a importancia dos touros probados, con proba de descendencia, nunha época de gran uso dos touros xenómicos. “Non debemos esquecer que o uso de touros probados achega unha máxima fiabilidade, confianza e seguridade na súa proba”, destaca Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética da sociedade.

Repasamos a continuación, a partir das valoracións de Mauricio de los Santos, os rankings españois de touros xenómicos e de touros probados.

Ranking de touros xenómicos

Clun revalida o seu liderado no ranking de touros xenómicos españois seguido moi de preto por unha nova incorporación: Risk, con 4.862 GICO, un touro portador do factor roxo que mostra unha proba moi equilibrada e altísimas producións de leite, graxa e proteína.

Risk despraza á terceira posición do ranking a Donsimón, que mantén os seus principais valores, moi destacados, no ámbito da produción de kg de leite e proteína. No número 4 atopamos a Florin, outro recentemente chegado que irrompe con forza no Top xenómico español. Séguelle Salvat Red no posto número 5, un touro de capa roxa con moi boas producións, tipo equilibrado e excelentes trazos de saúde.

Outra nova incorporación que entrou con forza no Top-10 xenómico español é Exten ET, un touro con pedigrí orixinal e moi altas producións de leite e proteína, ademais de ser A2A2 e BB para as caseínas.

Tamén se mantén no Top-10 xenómico Princi P, un dos touros máis atractivos do panorama nacional, que xa debutou no número 4 nas pasadas probas. Princi-P destaca por varios motivos: altísimos índices xerais (GICO 4.758), ter capa vermella, ser acorne (e o será polo menos o 50% da súa descendencia) e A2A2 e BB para as Beta e Kappa caseínas respectivamente.

Pechan o Top-10 xenómico Sharad, no posto número 9, un membro da prestixiosa familia americana de vacas Durham Atlee, cunha proba completa e sen fallos; e no número 10 Supermario, un touro nado en Galicia e con índices comparables aos dos mellores touros importados de Europa.

Supermario é ademais fillo de Supertoro, un dos máis coñecidos touros xenómicos de Xenética Fontao e que tan altas xenómicas está a transmitir á poboación, tanto vía machos, como femias.

Snowsen, un dos recentemente chegados ao Top 10 de touros probados. Gran potencial de leite con tipo equiibrado. A súa irmá completa foi nº 1 en índices en Alemaña e é hoxe una das máis importantes vacas de cría nese país.

Snowsen, un dos recentemente chegados ao Top 10 de touros probados. Gran potencial de leite con tipo equiibrado. A súa irmá completa foi nº 1 en índices en Alemaña e é hoxe una das máis importantes vacas de cría nese país.

Ranking de touros probados

No ranking de touros probados, Xenética Fontao sitúa 6 dos seus touros no Top 10. Dous veteranos do Top-10, como son Armonico e Torrel, continúan incorporando datos de novas fillas ás súas probas (Armónico con case 300 e Torrel con máis de 8.000!), manténdose nunha posición de liderado, o que vén confirmar a gran transmisión destes sementais e a confianza e seguridade que ofrecen as súas probas.

Armónico, con 3.996 GICO, é o número 2 da listaxe de touros probados actual e gaña case 100 puntos de GICO debido fundamentalmente á mellora en kg de leite, graxa e proteína, coa incorporación de novas fillas na súa proba de produción.

Bandido destaca polas boas producións das súas fillas e, sobre todo, por excelentes trazos de saúde en ubres, patas e tipo xeral

En canto ás novas incorporacións, destaca Bandido, que se sitúa como o cuarto mellor touro nacional por GICO. Será sen dúbida un dos máis atractivos touros probados do panorama nacional polo seu pedigrí (Mccutchen x Observer, familia Barbie), as boas producións das súas fillas, con trazos de saúde positivos e excelentes ubres, patas e tipo xeral.

As fillas de Bandido teñen unha calidade excepcional e superaron en moito as expectativas da súa proba xenómica previa. Bandido, cun 3 en IGT e 2,97 en ICU é o absoluto número 1 en tipo e ubres dos touros probados españois. Se isto fose pouco, é A2A2 para as Betacaseínas.

Outros touros con presenza destacada no ranking son os seguintes:

Topmax é o número 6 da listaxe. Responde ao pedigrí de Galaxy x Shottle x BW Marshall Elsa (a nai de Snowman) e mostra unha proba con tremendo equilibrio e ausencia de debilidades.

Norman: Meridian x Gerard (familia Curuxa) é o touro número 8 do ranking GICO e número 1 absoluto para kg de leite entre todos os touros probados. É a máis recente e destacada incorporación á elite nacional procedente da familia Curuxa, unha das
que máis éxitos lle deu ao programa xenético galego . Norman é , ademais, A2A2 para as Betacaseínas.

Snowsen: Outra moi interesante incorporación ao ranking de touros probados nacionais. Este Snowflake x Gerard procede dunha familia alemá de vacas que está a dar altísimas cifras xenómicas en diversos sistemas, tanto en machos como en femias. A
propia irmá completa de Snowsen (Mabel), novilla nº 1 en RZG no seu momento en Alemaña, é unha das máis importantes vacas de cría nestes momentos nese país, con multitude de fillos e netos en centros de inseminación.

Suprem merece tamén unha mención especial. O que fora un destacado touro xenómico hai uns anos confirma no posto número 11 do ranking a transmisión ás súas fillas dalgunhas das que foron sempre as súas máis destacadas virtudes: patas , ubres e trazos de saúde. Suprem é un auténtico líder, agora como touro probado, para baixos recontos de células somáticas, alta lonxevidade e boa fertilidade de fillas.

Conclusión
Como conclusión, convén destacar unha vez máis a hexemonía do programa xenético galego a nivel nacional, non só contando cos mellores touros xenómicos e probados senón tamén coas mellores femias, que serán as futuras nais de sementais o día de mañá.

É destacable a intensa colaboración entre Xenética Fontao e as mellores ganderías galegas na aplicación de modernas tecnoloxías, como é o caso da Fecundación In vitro (FIV), que deu lugar, sen ir máis lonxe, ás dúas mellores tenreiras xenómicas de España nestes momentos, xestadas no laboratorio de Fecundación in vitro de Xenética Fontao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información