Xabarín, 16 – Agrodayca, 0

Unha explotación de horta da comarca de Betanzos denuncia 16 ataques do xabarín no último ano. Só en dúas das parcelas afectadas supera os 13.000 euros en perdas, pero a sociedade hortícola advirte de que non ten acceso nin ás axudas de prevención de danos nin a indemnizacións

Publicidade
Xabarín, 16 – Agrodayca, 0

Danos do xabarín nunha finca de nabizas de Agrodayca SC.

En Agrodayca SC, unha explotación de horta da comarca de Betanzos, teñen a sensación de estar traballando para alimentar ós xabaríns. Non é para menos porque no último ano levan 16 incursións do porco bravo denunciadas ante a Xunta e non hai semana na que os animais non lles fagan destrozos nalgunha parcela. As máis graves, nunha finca de nabizas na que xa perderon máis de 7.000 euros, e nunha de puerros na que quedaron sen 60.000 plantas.

A sociedade hortícola, que lle dá emprego a nove persoas, traballa 23 hectáreas de horta en parcelas dispersas en concellos coma Coirós, Paderne ou Miño. Nos últimos 3-4 anos, os danos do xabarín intensificáronse de tal xeito que están poñendo contra as cordas á empresa. Xa non son só as perdas que sofre a explotación en planta e en gastos de preparación do terreo, senón as penalizacións económicas que en ocasións lles aplica a cadea de distribución á que suministran, dado o incumprimento dalgún dos compromisos de abastecemento.

Acceso do xabarín a unha parcela, a través dunha rede metálica.

Acceso do xabarín a unha parcela, a través dunha rede metálica.

“Cando quedamos sen as 60.000 plantas de puerro, aplicáronnos unha penalización porque era unha produción coa que contaban e que non lles puidemos suministrar. Perdemos de xeito directo uns 3.000 euros en planta, 2.780 na preparación do terreo e a maiores a penalización”, explica Alejandro García, técnico de Agrodayca.

O problema ten complicada solución. A sociedade hortícola está en contacto continuo cos Tecores da zona para trasladarlles os danos e tamén denuncia os ataques máis importantes ante a Administración, chamando ó teléfono 012, pero nin uns nin outros resolven a papeleta. As periódicas batidas contra o xabarín estanse demostrando insuficientes, en tanto a Xunta -sinalan en Agrodayca- nin sequera tivo en conta ás explotacións de horta nas recentes convocatorias de axudas polos danos da fauna salvaxe.

Danos en millo.

Danos en millo.

Dificultade de acceso ás axudas
A Consellería de Medio Ambiente convocou no último mes dúas liñas de axudas orientadas a paliar os danos do xabarín, unha para a compra de pastores eléctricos e outra para indemnizar danos, esta última por un importe máximo de 1.650 euros por beneficiario. En Agrodayca advirten de que as explotacións de horta e pataca, milleiros en Galicia, quedan fóra desas axudas na súa maior parte.

“Para medidas de prevención, un dos requisitos de baremación para as explotacións agrarias é o número de hectáreas que teñen declaradas na PAC, cando as explotacións de horta convencional non temos ningunha axuda da PAC. As axudas oriéntanse a produtores perceptores da PAC e a producións de autoconsumo, pero deixan fóra ás explotacións profesionais de horta como a nosa” -advirte Alejandro García-. “Dá a impresión de que somos invisibles para a Administración”, cuestiona.

Danos nun viñedo da sociedade, na comarca de Betanzos.

Danos nun viñedo da sociedade, na comarca de Betanzos.

A posibilidade de pechar parte das parcelas con pastor eléctrico para previr os danos ten tamén as súas dificultades, pois xa se produciron numerosos roubos de pastores na zona e por outra banda, hai tamén constancia de problemas no seu funcionamento. “En pastores que non están conectados á rede, ás veces os xabaríns entran nas fincas á tardiña, cando a pica do pastor aínda non ten humidade, e o pastor non dá suficiente carga; pero cando os animais queren saír, entón o pastor xa dá máis corrente, pola humidade da noite, e non os deixa saír. A consecuencia é que acaban con todo na finca”, advirten.

Indemnizacións e horta
A outra liña de axudas, orientada a indemnizar os danos, ten tamén difícil encaixe nas explotacións de horta. “Estamos na mesma, ao non ser parcelas declaradas na PAC, temos que demostrar a titularidade das fincas e aquí en Galicia, como é sabido, funciónase moito con cesións e acordos verbais de parcelas, polo que non temos xeito de acreditar o que nos piden”, explican en Agrodayca.

“Tamén hai que dicir que hai numerosos cultivos de horta que non entran nas indemnizacións, como xudía, acelgas, espinacas, perexil ou fresa; e tampouco se cubren os danos en instalacións, coma invernadoiros ou mallas”, repasan. “Tivemos danos do xabarín en invernadoiros. Rachan o plástico e entran sen máis, e se tes mallas para entutorar un cultivo, levan todo por diante”, contan en Agrodayca.

Destrozos do porco bravo nun cultivo.

Destrozos do porco bravo nun cultivo.

Reiteración de danos
A repetición das incursións do xabarín nos últimos anos chegou a tal punto que na explotación non saben que facer. “O problema estásenos indo das mans e esta situación, que é xeneralizada na comarca, repercute en perdas e en que a curto prazo vaia haber explotacións que rematen por deixar a actividade. Cando nós comezamos, no ano 2000, practicamente non había ataques, pero nos últimos 3-4 anos é extraño que haxa unha semana sen algunha entrada do xabarín nas nosas parcelas”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información