Xa se poden solicitar queimas pero só para explotacións profesionais e por razóns fitosanitarias

Xa se poden solicitar queimas pero só para explotacións profesionais e por razóns fitosanitarias

Queima de restos agrícolas

A partir deste mércores poderán solicitarse autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais, tal e como se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia.

En concreto, as solicitudes para levalas a cabo durante o estado de alarma deberán remitirse por correo electrónico aos Servizos de Prevención de Incendios Forestais das Xefaturas Territoriais da Consellería do Medio Rural, incluíndo unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade da queima por razóns fitosanitarias.

Os enderezos dos catro servizos provinciais para tramitar as solicitudes son os seguintes: ccp.coruna@xunta.gal, ccp.lugo@xunta.gal, ccp.ourense@xunta.gal e ccp.pontevedra@xunta.gal.

Na solicitude deberase indicar o concello, a parroquia, o lugar e a indicación do número de polígono e número de parcela que aparecen no SIXPAC da finca na que se realizará a queima solicitada, así como as datas nas que se pretende realizala. Na solicitude debe constar ademais o número de inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como o número de persoas que comporán o equipo de queima e que será, como mínimo, de dúas persoas.

A queima de restos agrícolas amoreados poderase levar a cabo unha vez se reciba a correspondente autorización por correo electrónico. Nela figurarán todos os datos aportados polo interesado, así como as condicións e as datas nas que se deberá realizar a queima.

Enlace á resolución no DOG que permite solicitar queimas por razóns fitosanitarias en explotacións profesionais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información