Visita dos técnicos dos AFRICOR de Galicia ao Centro de Recría Gayoso Castro

Rematadas as obras do Centro e concedidos todos os permisos ambientais da Xunta, a Deputación segue agardando por un trámite burocrático do Concello de Castro de Rei para poñelo en marcha.

Visita dos técnicos dos AFRICOR de Galicia ao Centro de Recría Gayoso Castro

Lara Méndez cos técnicos dos Africor.

70 profesionais de Africor de toda Galicia interesados no funcionamento do Centro de Recría  veñen de facer unha visita de carácter técnico ás instalacións na Granxa Gayoso Castro.

Os técnicos presentes na visita son algúns dos encargados de recompilar mensualmente os datos de control leiteiro dunhas 3.000 explotacións galegas integradas en AFRICOR, 1.700 das cales están radicadas na provincia de Lugo.

A Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez valorou positivamente o interese amosado por estes profesionais, “porque o sector ten claro que o Centro de recría é unha oportunidade única para favorecer o seu desenvolvemento”. A Vicepresidenta destacou que a visita permitirá, ademais, que os técnicos coñezan mellor as vantaxes que supón o Centro e divulgalas polo miúdo entre os gandeiros de toda Galicia.

O Centro de Recría suporá unha importante inxección económica e de emprego para a provincia, pois as previsións dos estudos elaborados por Tragsa indican que é capaz de xerar máis de 4 millóns de euros anuais, entre o valor no mercado dos animais recriados, e a contratación dos bens e subministros necesarios para o funcionamento do complexo, como os pensos e os forraxes, servizos veterinarios, man de obra para o seu coidado, transporte, maquinaria e servizos para o mantemento das naves, casetas, cornadizas, bebedoiros, camas ou silos.

As características do centro

As instalacións do Centro de Recría visitadas suman unha superficie de 86.000 metros cadrados, e contan con 13 naves cunha capacidade media para 200 animais cada unha, e dotadas cun total de 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA e 2.200 cornadizas automáticas, ademais de 208 bebedoiros e un sistema de limpeza automática de arrobadeira. O recinto tamén ten 270 casetas individuais e 105 colectivas, unha manga para o manexo do gando de 700 metros de lonxitude, unha das máis largas de España, 12 silos para forraxe e 5 esterqueiras para o almacenaxe dos residuos procedentes do encamado dos animais.

A planta de biogás integrada no centro proporcionará 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións, non só sexan autosuficientes, senón tamén producir excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 megavatios eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e forrar 200.0000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 megavatios térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción. Ademais, evitará a emisión a atmosfera de 400 toneladas de CO2 anuais, o equivalente ao consumo anual de 235 automóbiles.

As obras desenvolvéronse en dúas fases, dotadas con 6 millóns de euros de orzamento cada unha, entre xullo do 2011 e marzo de 2015.

Á espera do permiso do Concello

A Deputación, coas obras rematadas e contando con todos os permisos ambientais concedidos pola Xunta, segue agardando pola acta de comprobación das obras, un trámite burocrático elemental que depende exclusivamente do Concello de Castro de Rei, para poñer en marcha o Centro de Recría.

Precisamente o Pleno provincial ven de esixir ao Concello o desbloqueo deste trámite. Neste sentido, a Vicepresidenta Lara Méndez lamentaba este novo retraso, logo de que o organismo provincial xa agardara máis dun ano polo informe ambiental favorable que emitía finalmente a Xunta de Galicia e que a Deputación rexistraba no Concello de Castro de Rei hai dous meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información