Vintedous concellos de Pontevedra contan con árbores catalogadas como senlleiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a traballar na actualidade na clonación da coñecida 'Figueira do Meco', do Grove, un exemplar popular con máis dun século de antigüidade

Vintedous concellos de Pontevedra contan con árbores catalogadas como senlleiras

Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra.

O catálogo de árbores senlleiras da provincia de Pontevedra está formado por 47 exemplares e nove formacións arbóreas que son consideradas ‘reliquias botánicas’. Todas elas, de 38 especies distintas, caracterízanse por presentar valores como o paisaxístico, o ornamental, o cultural ou o científico.

Son 22 os concellos da provincia que teñen no seu territorio algunha árbore senlleira, segundo os datos da Deputación de Pontevedra. Os máis destacados polo seu número son o de Pontevedra (12 pezas), A Estrada (7), Redondela (6), Vilagarcía de Arousa (5) e Soutomaior (4).

Pola súa antigüidade son relevantes a sobreira de Balboa, na Estrada, que ten unha idade estimada de 500 anos e chega a unha altura de máis de 20 metros; o buxal de Pazo de Oca (400 anos); a sobreira do Pazo de Valiñas (250-500 anos); o carballo da capela de Santa Margarida (500-800 anos) ou as oliveiras do cemiterio de Adina, en Padrón, cuns 250 anos aproximadamente.

Figueira do Meco.

Figueira do Meco.

Figueira do meco
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) -dependente da Deputación de Pontevedra- realiza o seguimento fitopatolóxico de moitas das pezas senlleiras da provincia e do resto de Galiza. A día de hoxe, os técnicos están a traballar na clonación da coñecida como ‘Figueira do Meco’, unha árbore de máis de 100 anos situada nunha fenda entre dous penedos do Monte da Siradella (O Grove). O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, busca acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda ligada coa árbore, que se remonta ós séculos XV e XVI.

Esta lenda, que ten como protagonista a un cura da vila do Grove, foi recollida polo Pai Sarmiento e conta que o relixioso era un mullereiro, libertino e larpeiro que exercía o dereito de pernada. Esta situación levou a que un grupo de mulleres, segundo se conta, o aforcaran, colgándoo da figueira do Monte Siradella. Dende entón a lenda di que a árbore dá figos vermellos que “levan o sangue do meco”.

Máis información
Mapa das árbores senlleiras da provincia de Pontevedra (Pdf)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información