5 claves para controlar a botrite no viñedo

A botrite é unha das enfermidades máis comúns nos viñedos e supón importantes perdas económicas. Resumimos as conclusións dos expertos que participaron na xornada técnica organizada pola EVEGA o pasado xoves no Barco de Valdeorras

Publicidade
5 claves para controlar a botrite no viñedo

Botrite en acio

A Botrytis ou podremia gris (causada polo fungo Botrytis cinerea) é unha das enfermidades máis comúns nos viñedos e supón importantes perdas económicas. Para abordar os últimos avances na loita contra esta enfermidade fúnxica a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) organizou o pasado xoves unha xornada técnica no Barco de Valdeorras na que participaron destacados expertos na materia.

E é que a diferenza doutras enfermidades fúnxicas como mildiu ou o oídio, Botrytis cinerea desenvólvese nun rango maior de temperaturas e humidade e ademais, afecta a todo o ciclo da uva, comezando na maioría dos casos o proceso de infección na floración.

“É unha das enfermidades máis estudadas, pero seguimos tendo eivas no seu control pola súa alta capacidade de supervivencia e resistencia, pois o fungo Botrytis cinerea producen unha alta cantidade de esporas, e desenvólvese en condicións climáticas moi distintas. Ademais, a viña é susceptible a este fungo ao longo de todo o seu ciclo”, explica Elisa González Domínguez, investigadora en patoloxía vexetal de Horta srl. (www.horta-srl.com).

Para poder controlar esta enfermidade é clave coñecer o seu ciclo de vida: “O fungo causante da Botrytis pode sobrevivir nas uvas momificadas dun acio do ano anterior e provocar que no inicio da floración haxa unha infección da flor, que quedará latente até desenvolverse a partir do envero e que se propagará polo aire ou por contacto entre as uvas. Tamén pode infectar os resíduos florais e quedar dentro do acio cando se peche ou propagarse ao froito a través do pecíolo”, prosegue.

Neste sentido, o control da Botrytis debe basearse en diversas estratexias que combinen medidas culturais, emprego de antifúnxicos e insecticidas e control biolóxico.

Resumimos a continuación as principais claves para o seu control que ofreceron os expertos:

-Control da polilla da vide (Lobesia botrana). O control deste insecto está asociado ao da Botrytis, pois cantas máis larvas de polilla máis Botritis en uva, debido a que as súas picaduras na pel das uvas favorecen a entrada do fungo.

1) É fundamental aplicar un tratamento en floración se as condicións son adecuadas para a enfermidade. Desde os anos 70 do século pasado a estratexia de control da Botrytis en viñedo baséase na aplicación de 4 tratamentos nas seguintes fases: floracion, precerre, envero e colleita. Os dous primeiros serven para controlar as infeccións latentes en floración e para desinfestar os residuos florais, mentres que os dous últimos son para combater a enfermidade sobre a uva madura.

Porén, nos últimos anos recoméndase limitar estes tratamentos para conseguir unha viticultura máis sustentable, non só desde o punto de vista económico, senón ambiental e sanitario, con cada vez menos resíduos fitosanitarios no viño.

Neste sentido, os expertos coinciden en que o tratamento en floración é fundamental, pois desinfesta os residuos florais e controla as infeccións latentes do fungo. Este tratamento debe darse se as condicións climáticas foron favorables para as infeccións en floración.

“Dar un tratamento contra a Botrytis en floración se hai risco permite ter unha estratexia de manexo máis flexible, pois se o ano vén bo podemos saltar o terceiro e o cuarto tratamento, pero se desde o envero as condicións de humidade e temperatura son desfavorables, imos ter unha carga fúnxica moito máis elevada e vai ser máis difícil controlala”, asegura Elisa González.

2) Control biolóxico da Botrytis: Cada vez as empresas ofrecen máis produtos para controlar a Botrytis baseados na loita biolóxica mediante o emprego dun axente de control biolóxico (que adoita ser outro fungo ou bacteria). É unha estratexia necesaria para reducir os resíduos fitosanitarios na uva e tamén para previr a aparición de resistencias en Botrytis cinerea aos tratamentos convencionais. Sen embargo, na loita biolóxica, ao basearse en organismos vivos, a súa eficacia vese máis condicionada polas condicións meteorolóxicas.

En canto aos axentes de control biolóxico máis efectivos para a loita contra esta enfermidade, Carlos Calvo Garrido, responsable da área de viticultura e patoloxía do Centro Tecnolóxico do Viño de Tarragona (VITEC), expuxo os resultados de diferentes estudos, realizados principalmente en Francia. Estes estudos conclúen que os axentes de control biolóxico máis efectivos son Candida sake, Bacillus subtilis e Bacillus amyloliquefaciens.

“Estes produtos son máis de uso preventivo que curativo, e debemos deixar tempo para que os microorganismos se establezan no viñedo e comecen a actuar. En todo caso, debemos aceptar as limitacións dos produtos alternativos á Botrytis por si sós, xa que ningún supera o 60% de eficacia e só Candida sake combinada chega ao 90% de eficacia”, explica Carlos Calvo.

Dentro das medidas alternativas tamén se sitúan o uso de produtos naturais (ás veces combinados coa loita biolóxica), como terpenos, arxilas ou o carbonato potásico, revelándose este último como o máis eficaz nos ensaios realizados.

4) Necesidade de utilizar modelos de risco epidemeolóxicos, conectados coas estacións meteorolóxicas, que predigan a nivel de parcela o risco de aparición de Botrytis. Elisa González presentou un modelo desenvolvido recentemente polo seu grupo de traballo para predicir a severidade de Botrytis en colleita en función das condicións climáticas (https://journals.plos.org/plosone/article?ide=10.1371/journal.pon.0140444). Este modelo atópase dispoñible para os viticultores a través da plataforma vite.net (www.horta-srl.com).

5) Medidas culturais: Reducir a cuberta vexetal excesiva alredor do acio, para evitar a condensación de humidade. Os labores de esfolla no momento oportuno son necesarias para airear o acio e favorecer a entrada do produto, así como control do vigor da vide, mediante medidas como a redución das cubertas vexetais.

EVEGA BOTRITE

Xornada sobre a botrite organizada pola EVEGA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información