Vila de Cruces acolle este martes a XVI Feira de Nadal do Galo de Curral

Produtores e criadores poñerán á venda 400 exemplares de galos a partir das 10 da mañá na Praza de Abastos. A feira incluirá a II Xornada Culinaria de Ecogastronomía, con 16 restauradores que ofrecerán máis de 500 racións gratuítas.

Vila de Cruces acolle este martes a XVI Feira de Nadal do Galo de Curral

Este martes, 22 de decembro, o Concello de Vila de Cruces acollerá a XVI “Feira de Nadal do Galo de Curral”. Esta feira celébrase anualmente antes de Nadal para facilitar aos consumidores a compra de Galos e Galiñas de Curral para as celebracións gastronómicas das festas.

A feira arrincará ás 10 horas, coa apertura ao público dos postos de venda de aves na Praza de Abastos de Vila de Cruces onde produtores e cooperativistas da comarca teñen previsto poñer a disposición dos compradores sobre unhas 400 aves. Os galos, dependendo da raza, oscilan entre 11 e 15 euros por quilo e a galiña entre 8 e 12,5 euros. Nos postos tambíen poderanse adquirir pulardas e ovos de galiña de curral.

Á mesma hora abrirase a III Exposición Nacional de Razas Autóctonas, organizada coa colaboración da Federación Española de Avicultura (Fesacocur). Na Praza da Igrexa mostraranse máis de 150 exemplares de diferentes razas de aves vivas, procedentes de todo o territorio español.

16 restauradores e 500 racións de Galo de Curral

Coa finalidade de difundir as calidades gastronómicas do Galo de Curral de Vila de Cruces, tamén este ano a feira estará acompañada da II Xornada Culinaria de Ecogastronomía. 16 restauradores, de Vila de Cruces e outras localidades galegas, ofrecerán máis de 500 racións para a súa degustación gratuíta.

Entre as receitas, que se recollerán nun folleto que se repartirá entre os asistentes, atoparemos elaboracións máis clásicas e outras máis innovadoras. Todas elas acompañadas de produtos ecolóxicos galegos.

O Galo de Curral de Vila de Cruces é un produto de gran calidade, alimentado de maneira totalmente natural durante un mínimo de 9 meses. Este produto é moi apreciado gastronómicamente pola calidade da súa carne, con moi pouca graxa, un sabor intenso e unha textura firme. É unha peza moi apreciada nestas datas do Nadal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información