A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

[Vídeo] Como mellorar a produtividade do eucalipto en Galicia

O investigador brasileño Leonardo de Moraes, un dos maiores expertos internacionais en xestión do eucalipto, visitou Galicia, convidado por Viveros Mañente, para coñecer o cultivo na comunidade e ofrecer algunhas claves de mellora

En Brasil, o eucalipto produce unha media de 42 metros cúbicos por hectárea e ano, tendo aumentado un 70% a súa produtividade nos últimos 30 anos. Ese crecemento logrouse a base de mellora xenética da planta e de mellora do seu manexo, sobre todo da súa nutrición. A mesma estratexia de traballo é a que está impulsando en Galicia Viveros Mañente, que trouxo recentemente de visita ó investigador brasileño Leonardo de Moraes, un dos máximos expertos internacionais en eucalipto, para coñecer as pautas de traballo que se seguen en Brasil.

“En Galicia fixemos un bo traballo de mellora xenética do eucalipto nos últimos anos, pero fáltanos avanzar nun maior e mellor abonado das plantacións”, valora Enrique Candía, de Viveros Mañente. É unha opinión que comparte Leonardo de Moraes, que estivo tres días na comunidade visitando plantacións: “Polo que vin, o propietario en xeral inviste pouco no abonado. As plantacións presentan unha copa pouco desenvolvida, que é un síntoma de carencia de nutrientes” -explica-. “Se o propietario investise un pouco máis en abono, a produtividade podería ata duplicarse”, sinala.

“O propietario inviste pouco en abono. Vin plantacións con copas pouco desenvolvidas, que é un síntoma de carencia de nutrientes” (Leonardo de Moraes)

De Moraes explica que é partidario dun ciclo de tres abonados: un no momento da plantación, un segundo no primeiro ano e un terceiro abonado no segundo ano, que remate por impulsar o desenvolvemento das copas. De xeito paralelo, neses primeiros anos resulta imprescindible o control do mato, de cara a evitar a súa competencia por auga e nutrientes.

Outra cuestión de nutrición sobre a que incidiu o investigador é a conveniencia de manter no monte os restos de corta do anterior ciclo de cultivo. “En Brasil, a retirada dos restos de corta leva a unha perda de produtividade dun 30% na seguinte plantación” -advirte-. “Retirar os restos tamén é problemático porque as choivas provocan unha maior erosión no terreo”.

De cara a orientar a nutrición da plantación, De Moraes apuntou que en Brasil son habituais tanto as análises de solo como as análises foliares da planta. “Unha análise foliar feita 6 meses ou 12 meses despois do abonado permítenos saber se esa fertilización foi efectiva”, subliña.

Sostibilidade
Durante a súa visita na comunidade, De Moraes ofreceu en Foz unha charla para propietarios forestais na que incidiu na importancia de coidar a sostibilidade do cultivo do eucalipto, tanto a nivel forestal como medioambiental e agrogandeiro.

Así, salientou que en Brasil desbotouse o cultivo do eucalipto naquelas concas hidrográficas con precipitacións menores a 1.000 mm. ó ano, pois “co clima cálido que temos, produciríase para as plantas un estrés hídrico excesivo. Non se lograrían produtividades que cubriran os custos”, valorou.

En canto á compatibilidade entre eucaliptos e actividade agrogandeira en Brasil, amosou imaxes de como se integran liñas de plantación de eucalipto para madeira con faixas de praderías para gando.

Mercado
Unha das preguntas que os propietarios forestais lle trasladaron a De Moraes foi a súa visión sobre o futuro do mercado de eucalipto. “En Brasil, toda a pasta de papel faise con plantacións de fibra curta (a de eucalipto). O risco de mercado no eucalipto é baixo. A preocupación ten que ser a de producir madeira de calidade, tanto para pasta de papel como para madeira”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *