Vendida unha vaca por 5.000 euros en Amio

Vendida unha vaca por 5.000 euros en Amio

Vaca vendida hoxe en Amio por 5.000 euros, procedente dunha gandería da Fonsagrada.

O mercado de Amio tivo hoxe unha protagonista de excepción, unha vaca cruzada de asturiana e parda alpina con máis de 1.000 Kg. e que viña da Ganadería Benjamín (A Fonsagrada), unha explotación recoñecida no sector polo seu bo facer co gando. O animal, de 12 anos e criado en extensivo, levaba 3 anos sen parir e tivo un cebo final con fariña de millo e concentrado, o que converte a súa carne en moi atractiva para a restauración. De feito, a vaca foi mercada por 5.000 euros polo Mesón Catro Ventos, da Fonsagrada (Lugo), especializado en carnes á brasa.

O propietario de Catro Ventos, Ovidio Méndez, prevé que do animal saian uns “chuletóns que se caractericen polo seu sabor e tenrura, sen exceso de graxa”. O animal, segundo os cálculos de Ovidio, aportará uns chuleteros de arredor de 100 Kg., que terán unha maduración de 45 – 60 días. Rematado o proceso de maduración, toda a carne será servida no mesón Catro Ventos, na Fonsagrada, que habitualmente traballa con carne de vianesa, unha raza autóctona valorada pola súa graxa infiltrada, e tamén con rubia galega e frisoa.

Outra imaxe do animal vendido hoxe en Amio por 5.000 euros.

Outra imaxe do animal vendido hoxe en Amio por 5.000 euros.

Subas de prezo en Ternera Gallega
A Mesa de Prezos de Ternera Gallega, que se celebra en paralelo ó mercado de Amio, acordou esta semana unha suba de prezos de 5 céntimos en Ternera Gallega Suprema, en todas as categorías e calidades, e de 2 céntimos na categoría Ternera Gallega.

Os prezos decididos na Mesa de Gando de Abasto mantéñense esta semana sen cambios, tanto en gando de recría como en vacún maior e becerros carniceiros.

A asistencia de gando á sesión de hoxe foi de 2.200 reses, 185 máis que a pasada semana. Houbo 1.859 cabezas de vacún menor (224 máis que na sesión anterior), 179 de vacún mediano (23 menos) e 156 de vacún grande (8 menos).

Máis información
Táboa completa de prezos de Amio (19-VI-2019).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información