As vendas de alimentos ecolóxicos de Galicia medran un 30% no primeiro semestre do ano

As vendas de alimentos ecolóxicos de Galicia medran un 30% no primeiro semestre do ano

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu este mércores o acto de celebración do XX aniversario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) durante o que anunciou que, durante o primeiro semestre do ano, a facturación do sector aumentou un 30%. “Xa no 2016 o volume de ventas certificadas en ecolóxico medrou un 25,3%, acadando preto de 42 millóns de euros”, declarou a titular de Medio Rural, que insistiu en que dende a creación do Craega os datos sempre foron positivos.

O Craega nacía en 1997 con sete produtores, que traballaban en 13,35 hectáreas, e catro elaboradores. Dez anos despois chegábase xa ás 11.000 hectáreas inscritas e 472 persoas implicadas. Hoxe estas cifras superan os 1.062 produtores e elaboradores e as 32.200 hectáreas. “Triplicando polo tanto a superficie de 2007”, declarou Ángeles Vázquez.

O Plan Estratéxico de Produción Ecolóxica Galega comezará a desenvolverse a comezos de 2018

Neste sentido, agradeceu o traballo do primeiro presidente deste consello regulador, Gabino Vázquez, por poñer en marcha un proxecto novo en Galicia “co reto de conxugar a innovación coa tradición”. Tratábase dunha iniciativa “que tiña que acadar a unión entre as futuras xeracións coas dos nosos antepasados a través de novos pero tamén antigos métodos de produción”, sinalou Ángeles Vázquez, que tamén tivo palabras para José Antonio Fernández, quen tomou o relevo do Craega durante outros dez anos, e para o seu sucesor, o recentemente elixido como presidente, Francisco López Valladares. A el desexoulle o maior dos éxitos. “O primeiro dos retos que tes é o plan estratéxico de produción ecolóxica galega, que comezará a desenvolverse a comezos de 2018”, indicou a conselleira durante a súa intervención.

No acto de celebración destes 20 anos de historia, que se celebrou na Granxa Arqueixal, en Palas de Rei, tamén estiveron o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, as directoras xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información