A venda de leite Deleitar a 25 céntimos suscita malestar no agro

Unións Agrarias demanda a retirada inmediata da promoción. Vegalsa-Eroski xustifica o prezo nunha liquidación de unidades preto da data de caducidade

A venda de leite Deleitar a 25 céntimos suscita malestar no agro

Oferta de Deleitar a 25 céntimos.

Diversos establecementos de Vegalsa-Eroski están a ofrecer estes días leite Deleitar desnatado a 25 céntimos o litro, un prezo moi inferior ós 85 ós que se comercializa normalmente. Esa oferta do leite a tan baixo prezo non tardou en suscitar a indignación do sector gandeiro. As fotos comezaron a circular onte entre os produtores e hoxe Unións Agrarias fíxose eco do problema nunha rolda de prensa.

“Leite a 25 céntimos é un prezo irrisorio” -criticaron Javier Iglesias e Óscar Pose-, “co engadido de que se trata dun produto dunha empresa na que participa a Xunta”, apuntaron en alusión a Dairylac, a empresa con sede en Melide participada por cooperativas galegas e pola propia Administración autonómica.

Desde Unións Agrarias pediron a inmediata retirada da oferta e chamaron a atención da Administración autonómica, que “dá amparo” a estas situacións, dixeron. “Pode que esto quede nunha anécdota, pero son prezos que dan unha mala imaxe e que non contribúen a valorizar o produto”, cuestionaron.

deleitar vertical

Explicacións de Vegalsa-Eroski
Consultada a oferta con Vegalsa-Eroski, a súa directora de Relacións Institucionais, Gabriela González, recoñeceu que había establecementos da cadea co leite desnatado Deleitar a 25 céntimos, pero limitou ese prezo a “unidades que estaban a uns días de caducar”.

Vegalsa-Eroski lembra que implantou unha política de ‘Residuos cero’ coa que trata de minimizar a perda de alimentos. “Deleitar é unha marca que introducimos hai uns meses e atopámonos con que a gama desnatada de Deleitar é unha referencia que ten menos saída, co cal se xenerou un sobrestock nalgúns establecementos. Para evitar ter que tirar o leite -que é pasteurizado e ten un periodo de consumo inferior ó Uht-, reduciuse o prezo nalgunhas tendas, pero non se trata dunha oferta en toda a rede”, apuntan desde a cadea de supermercados.

A directora de Relacións Institucionais de Vegalsa-Eroski si recoñece que houbo un problema no etiquetado, pois sinala que é un erro indicar na etiquetaxe dos lineais o prezo de 25 céntimos, “que só debía figurar nunha pegatina vermella nas unidades próximas á caducidade”. A cadea sinala que deu instrucións para correxir o etiquetado nos establecementos que tiñan esta oferta.

Dairylac, que tamén foi consultada sobre a súa postura, non contestou polo de agora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información