Vegalsa Eroski renova o convenio con Agaca e prevé facturar 1,5 millóns en produtos de horta das cooperativas galegas

A compañía galega de distribución alimentaria estima mercar 1.700.000 quilos de produto este ano, un 12 % máis con respecto ao ano anterior. A distribuidora alimentaria e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) renovaron este convenio de colaboración, que cumpre xa seis anos, no marco da 40º edición da Feira Internacional de Galicia ABANCA

Publicidade
Vegalsa Eroski renova o convenio con Agaca e prevé facturar 1,5 millóns en produtos de horta das cooperativas galegas

Vegalsa Eroski renova o convenio con Agaca

No marco da 40º edición da Feira Internacional de Galicia ABANCA, a compañía galega de distribución alimentaria, Vegalsa-Eroski, da man do seu director, Joaquín González, e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), representada polo seu presidente, José Montes, renovaron, por sexto ano consecutivo, o convenio para a comercialización de produtos agrarios de calidade, con trazabilidade, na rede comercial da compañía conformada por 258 establecementos entre Galicia, Asturias e Castela e León.

Horta de calidade

O volume de produción durante o pasado exercicio foi de 1.523.224 quilos a través da comercialización de 27 produtos típicos da nosa terra e de gran calidade. A previsión para o presente exercicio pasa por incrementar en máis do 12% os volumes comercializados co grupo de distribución.

Grazas ao convenio de Vegalsa-Eroski e AGACA, en 2016 produciuse un aumento de produción con respecto á campaña anterior do 3% en volume de produción e de 7,5% en euros de venta. Os alimentos máis demandados foron: leitugas, pementos, tomates, feixóns, cabazas e porros. Entre os obxectivos do acordo de colaboración atópase implantar novas referencias, mantendo e potenciando as recollidas no convenio anterior e identificar aqueles produtos nos que as cooperativas teñen especial interese para iniciar o desenvolvemento de novas referencias definidas por Vegalsa-Eroski.

Aposta polos provedores galegos

A sexta renovación deste convenio xorde da posta en conxunto entre o grupo de distribución e AGACA pola innovación e o desenvolvemento empresarial de base cooperativa situando o asociacionismo agrario galego en xeral, e hortofrutícola en particular, no escenario do I+D+i como forma de facer fronte ao reto da competitividade.

Un compromiso que Vegalsa-Eroski estende ao medio rural e á economía agraria como fortes impulsores do desenvolvemento económico e social de Galicia, así como a firme aposta na súa estratexia comercial co desenvolvemento de los produtos galegos de calidade diferenciada.

A través da sinatura de diversos convenios de colaboración con diferentes Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas e de participar en numerosas accións en favor do desenvolvemento do medio rural, a compañía logrou que os produtos galegos signifiquen o 31% das súas compras, facendo un investimento de 270 millóns de euros en 2016, 10 millóns máis que en 2015, o que supón un aumento do 3,8%, adquirindo así unha presenza moi destacada nas súas tendas.

Produtos de proximidade e valores sociais

Os produtos de horta procedentes das cooperativas galegas son produtos de proximidade. Chegan rapidamente da terra ao mercado, reducindo custos de transporte, tempo e emisións de gases contaminantes. Non necesitan recollerse con antelación excesiva ao seu punto de maduración precisamente por ese achegamento, o que garante a súa frescura.

O feito de ser comercializados a través das cooperativas tradúcese na eliminación de intermediarios; os beneficios obtidos das vendas reverten directamente na cooperativa e nas súas persoas socias. Ademais, é unha evidencia de éxito dun modelo empresarial que se basea na xestión democrática.

En definitiva, o consumo destes produtos de horta reflicten a aposta pola frescura, a calidade e a responsabilidade social ao apoiarse nos valores que defende o cooperativismo e a economía social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información