Vantaxes e inconvenientes das variedades hortícolas locais

Relatorio de Alfredo Taboada, tecnólogo do INGACAL sobre “A importancia das variedades locais nun proceso de desenvolvemento agrario sostible, ¿unha riqueza para o país?, dentro do curso de verán da USC “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico”.

Publicidade
Vantaxes e inconvenientes das variedades hortícolas locais

Tomates de variedades galegas

Alfredo Taboada Arias, tecnólogo do INGACAL que traballa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) é un dos maiores expertos de Galicia no estudo das variedades locais de plantas de horta. Coa bagaxe de dez anos de investigación, esta semana expuxo no curso de verán da USC “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico”, que se celebra na Fundación Juana de Vega, as vantaxes e os inconvenientes das variedades locais e a súa importancia nun proceso de desenvolvemento agrario sostible.

Neste sentido, comezou lembrando que as variedades locais existentes en Galicia “son froito do traballo de selección feito polo agricultor”, pero aclarou que “é unha análise da súa composición xenética o que permite diferencialas”.

Por que son importantes as variedades locais?

O investigador do CIAM subliñou que as principais razóns polas que é preciso conservar e cultivar as variedades locais son porque constitúen un reservorio xenético e pola súa importancia dende o punto do vista agronómico e comercial.

En canto ao primeiro aspecto, Alfredo Taboada explicou que as variedades vexetais autóctonas “poden servir de base para o desenvolvemento de novas variedades comerciais”. Ademais, salientou que a súa adaptación ao medio fai que “teñan presenza de xenes de resistencia a enfermidades”, a maiores de ser importantes para a industria farmacéutica e tamén porque conteñen determinadas substancias beneficiosas para o organismo.

Ademais, dende o punto de vista agronómico e comercial, Alfredo Taboada, destacou que “estas variedades están mellor adaptadas ás condicións e ciclos de de cultivo da zona, o que implica unha redución dos custos de produción”. Tamén resisten mellor as enfermidades coñecidas ou de nova aparición, posúen unha calidade organoléptica propia e son máis demandadas polos consumidores, aínda que sexa baixo etiquetas xenéricas como “Do país”.

Un aspecto non menos importante, é que as variedades de horta locais “adáptanse mellor aos sistemas de cultivo menos intensivos ou á agricultura ecolóxica”.

Inconvenientes das variedades locais

Como principais inconvenientes das variedades locais, Alfredo Taboada destacou os seguintes:

–    Non se adaptan ben aos sistemas de cultivo intensivos a gran escala. Son variedades pouco melloradas e de gran heteroxeneidade. Neste sentido, destacou o traballo de mellora do tomate Negro de Santiago realizado no CIAM  para cooperativa o Val, de Narón, para a produción desta variedade galega en invernadoiro.

–    Variedades menos produtivas porque están menos melloradas e seleccionadas.

–    Problemas agronómicos inherentes á propia variedade: problemas de recolección, sensibilidade, necesidades nutricionais.

–    Falla de material de base (sementes e plántulas) de calidade.

–    Non adaptación á comercialización, tanto en calibres como en manipulación. Por exemplo, a pel branda do tomate Negro de Santiago dificulta a súa comercialización a granel en supermercados.

–    Pouco coñecemento das propias variedades por parte dos consumidores, o que incide nunha menor demanda.

As variedades locais galegas corren gran risco de desaparición

Alfredo Taboada explicou que actualmente o CIAM conta con 50 variedades locais que foron ensaiadas no centro: 18 de cebola, 17 de tomate, 10 de pemento, 3 de leituga e 1 de repolo.

A estas hai que engadir “as 72 novas variedades que recollemos o ano pasado por Galicia, sobre todo de xudía, chícharo, faba e repolo, pero que aínda non foron ensaiadas”.

Pementos-Mougan-standar

Pementos de Mougán

Malia o elevado número de variedades autóctonas, Alfredo Taboada alertou de que “o risco de desaparición é enorme, por tres motivos: falla de relevo xeracional nos agricultores que as mantiveron ata agora; falta de mellora e selección destas variedades, o que fai que sexan menos rendibles e atractivas para os agricultores, e falta de coñecemento e publicidade destas variedades locais”.

Porén, e como raiola de esperanza, Alfredo Taboada salientou tamén que “hai un interese crecente por parte de consumidores e agricultores por estas variedades e tamén están a aumentar as marcas de calidade (IXP, DOP) e a agricultura ecolóxica, o que supón unha protección para as mesmas”.

Consellos á hora de empezar a cultivar variedades locais

En canto ao cultivo para venda, o tecnólogo do INGACAL fixo unha serie de recomendacións á hora de introducilas nunha explotación hortícola:

–    Ter moi clara a orientación produtiva da explotación, o que determinará as variedades máis adaptadas e as especies e ciclos de cultivo que se vai facer.

–    Ter en conta o ambiente de cultivo: se se vai cultivar en invernadoiro ou ao aire libre.

–    Destino da produción: se é para a venda directa en feiras ou cestas ou para supermercados e tendas.

–    Débese coñecer o comportamento destas variedade en cada parcela. Un dos problemas das variedades locais é que non foron ensaiadas nos distintos ambientes de cultivo de Galicia.

–    Introducilas na explotación pouco a pouco para diversificar os riscos.

–    Saber de antemán onde se vai conseguir a semente ou a planta, garantindo a orixe da variedade e calculando se é máis rendible mercar a planta directamente.

Descarga de documentos: Fichas do CIAM de variedades autóctonas de tomate.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información