As vacas e os cabalos contribúen a ter un monte con vexetación máis diversa

A tese do investigador Carlos López López demostra que a presenza de gando vacún e cabalar nos montes resulta positiva para controlar os breixos e toxeiras e favorece que aparezan novas especies florais e vexetais

As vacas e os cabalos contribúen a ter un monte con vexetación máis diversa

Gando no monte.

A presenza de gando vacún e cabalar no monte contribúe a controlar especies como o breixo e as toxeiras e favorece que aparezan outras variedades vexetais e florais, de maneira que se consegue un monte máis diverso. Estas son algunhas das principais conclusións que se extraen da tese do investigador Carlos López López, presentada na Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñaría do Campus de Lugo.

O investigador abordou o comportamento alimentario do gando cabalar e vacún en áreas de montes da cornixa cantábrica onde predominan os breixos e as toxeiras. Ademais, a investigación procura establecer pautas de manexo axeitadas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros neste tipo de montes.

A investigación procura establecer pautas de manexo axeitadas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes herbívoros no monte

As conclusións ás que chega López proceden dos resultados obtidos en tres experimentos desenvolvidos na finca do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida) ‘Monte Carbayal’, localizada na Serra de San Isidro (Illano, Asturias). O primeiro destes experimentos centrouse na avaliación da selección da dieta do gando cabalar, ademais da resposta produtiva e o estado parasitario destes animais. Nesta fase, López tamén avaliou a dinámica vexetal das áreas de matogueira de breixos e toxos nas que pastaba o gando.

Outra das experiencias desenvolvidas compara o comportamento do gando cabalar e o vacún en distintas situacións de vexetación. Tralo estudo, López constata que as bestas pacen máis tempo que as vacas.

Nunha terceira fase, o investigador avaliou a composición e dixestión da dieta e a inxestión en equinos e gando vacún alimentados con forraxes procedentes de matogueiras e prados.

Tribunal da tese

A investigación do doutoramento estivo dirixida por Koldo Osoro e Rafael Celaya. Ademais, o doutorando contou coa titoría da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na EPS de Enxeñaría, Rosa Mosquera Losada.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento estivo presidido pola profesora da área de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade do País Vasco Arantxa Aldezabal. A docente da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Lisboa María Joâo de Sousa Ferreira Martelo Fradinho e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, que actuou como secretario, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica á tese desenvolvida polo investigador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información