As vacas de Lalín xa comen o millo cultivado na Limia

Resultados positivos do primeiro acordo entre a cooperativa Cobideza e agricultores da Limia para contratar a produción de millo forraxeiro. Ambas partes amósanse satisfeitas dos resultados da colleita deste ano polo que barallan amplialo o ano que ven

As vacas de Lalín xa comen o millo cultivado na Limia

Luis Carlos Fernández Rivas foi o agricultor da Limia que este ano asinou o contrato con COBIDEZA

As vacas de seis ganderías de vacún de leite da comarca do Deza empezarán a ter en breve na súa ración millo cultivado na comarca de Xinzo da Limia. Esta fórmula de cooperación, novidosa en Galicia pero que xa leva anos implantada en cooperativas como a andaluza COVAP, foi posible grazas a un acordo asinado no mes de marzo entre a Cooperativa COBIDEZA e un agricultor da Limia, Luis Carlos Fernández Rivas.

Este é o primeiro ano que se realizaba esta proba piloto e ambas partes valoran positivamente os resultados, polo que barallan continuar e amplialo para 2019.

No contrato asinado acordáronse todos os aspectos: dende os prezos segundo as calidades de materia seca e de amidón, as cantidades, o picado e o transporte, ou os prazos de pago.

Ambas as partes destacan as vantaxes deste sistema, que lles permite aos agricultores diversificar os ingresos e os cultivos e aos gandeiros asegurar unha colleita de millo de calidade e dedicarlle máis tempo ao coidado do gando.

Unha media de 73 toneladas por hectárea na Limia grazas ao rego por goteo

Luis Carlos Fernández Rivas foi o agricultor da Limia que este ano asinou o contrato con COBIDEZA. Sementou 32 hectáreas de millo forraxeiro en parcelas con regadío no concello de Sandiás. En total traballa unhas 150 hectáreas das que en 40 sementa pataca e ata agora no resto cereal.

“Animeime a plantar millo porque o cereal e a pataca non se pagan moito e teñen prezos moi oscilantes. Ademais, o millo encáixame moi ben na rotación, mellorando a estrutura da terra, ao rotalo co cereal e coa pataca”, explica.

O millo plantouno o 15 de maio, un ciclo 400, de tres casas comerciais: SYNGENTA, FITÓ e RAGT. Abonou as parcelas principalmente con abono animal, grazas á abundancia de granxas na Limia, e en concreto con esterco de pavo, xurro de porcino, ademais de fertilizante químico de Timac Agro. A densidade da sementeira foi de 95.000 plantas por hectárea na mellor finca e de 90.000 no resto.

“Apliqueille un tratamento contra a rosca e un herbicida antes de nacer. A nacenza foi perfecta e nos meses de verán apliquei regadío, 3 horas durante a noite”, engade.

Para o regadío fixo un ensaio, comparando os resultados entre o rego por canón e o rego por goteo. “Os resultados -conclúe- son moito mellores no rego por goteo, pois lógrase unha espiga máis verde e uniforme e non se molla a flor coa auga. Se repito para o próximo ano porei todo con rego por goteo”.

A colleita foi moi boa tanto en cantidade como en calidade: unha media de 73 toneladas de materia húmida por hectárea, cun 32% de amidón e un 33% de materia seca. Tal como figura no contrato con COBIDEZA, estas analíticas en orixe serán contrastadas coas analíticas en destino, neste caso no Laboratorio de Finca Mouriscade.

 Luis Carlos Fernández: “Calculo que o prezo final posto en destino roldará os 54 euros a tonelada”

Finalmente a colleita foi superior do previsto, unhas 2.300 toneladas, de forma que 1.700 toneladas vendeullas este agricultor a COBIDEZA, a cantidade que figuraba no contrato, 400 toneladas para catro gandeiros do Deza e o resto para gandeiros da Limia.

Luis Carlos Fernández Rivas encargouse de todo: cultivo, picado do millo e transporte en tractor ata un almacén seu, e dende alí cargado en trailers para envialo ata as 6 explotacións socias de COBIDEZA que participaron neste acordo pioneiro en Galicia. Previamente, visitáronse as granxas nas que se ían facer os silos, para comprobar que podían acceder os trailers. Calcula que o prezo final do millo forraxeiro posto en destino roldará os 54 euros a tonelada.

Este agricultor confesa que foron días de moito traballo -todo o picado e transporte realizouse entre o mércores e o venres da semana pasada- pero recoñece que “estou satisfeito co resultado e penso que foi positivo para as dúas partes, polo que se os gandeiros queren para o ano podería ampliar a superficie dedicada a millo”.

Román Santalla, presidente de COBIDEZA: “É clave comprar o millo con contrato e facelo con suficiente antelación”

Por parte de COBIDEZA, o seu presidente, Román Santalla, tamén valora como “positiva para ambas partes esta experiencia”. “Visualmente o millo está moi ben, a calidade da forraxe foi a acordada, a organización do transporte foi impecable e queremos darlle máis dimensión nos próximos anos”, asegura.

Subliña iso si, a importancia de comprar o millo con antelación e mediante contrato. “A veces os gandeiros póñense a buscar quen lles venda millo nesta época e esa non é a forma de facer ben as cousas. Hai que asinar un contrato cos agricultores antes da sementeira, para ter unha garantía de cantidades, de calidades e de prezos”, destaca.

Neste caso, a forma de pago ao agricultor que acordaron é un 40% no momento da sementeira, dun 20% aos 30 días de entregado o forraxe, outro 20% aos 60 días e o 20% restante a 90 días. Hai un prezo base, cun mínimo de amidón e de materia seca, e a partir de aí o prezo sobe ou baixa segundo melloren ou empeoren as calidades. As analíticas fanse tanto en orixe como en destino.

“Queremos darlle máis dimensión nos próximos anos a esta colaboración cos agricultores da Limia”

Como aspectos a mellorar desta primeira experiencia, Román Santalla considera que “son pequenos detalles, como buscar unhas variedades posiblemente máis de cedo, para que non nos pillemos os dedos en caso de chova en setembro ou outubro e non o podamos recoller, ou mellorar no tema de dispoñibilidade de maquinaria de picado”. Neste sentido, non descarta para próximas colleitas que COBIDEZA desprace ata a Limia as súas propias colleitadoras.

Á vista destes resultados, Román Santalla considera que “a tendencia no futuro na comarca do Deza creo que vai ser que os gandeiros destinen a cultivar millo únicamente as mellores terras, nas que lles saia rendible, e sigamos chegando a acordos cos agricultores da Limia para mercarlles o resto do millo que precisamos para o noso gando, porque alí teñen sol, terra, moito abono e sistemas de regadío, co que as producións e as calidades son elevadas”.

O proceso en imaxes: 

Cobideza e un agricultor da Limia asinaron un contrato en marzo, antes do sementeira

SAT Berdón, unha das ganderías de COBIDEZA que participou nesta iniciativa: “Despreocúpome do millo e dos xabaríns e céntrome en coidar as vacas”

Juan José Donsión Hermida é un dos seis socios de COBIDEZA que mercaron millo forraxeiro na Limia. En concreto, 400 toneladas para alimentar os 110 animais da súa gandería, SAT Berdón, en Botos (Lalín).

“Participei neste acordo porque botei números e compénsame. A min sáeme máis caro producilo, e aquí como moito temos uns rendementos de 35 toneladas por hectárea. Logo temos o problema dos ataques dos xabaríns. Por non falar de que gastas menos en voltear a terra e desta forma podes estar moito máis pendente de atender as vacas”, explica.

Desta forma, este ano Juan destinou as 35 hectáreas da súa explotación únicamente a herba. “Ao non botar o millo, puiden facer dous cortes de herba para ensilar e outro de herba seca. Ademais, non tiven que renovar a pradeira, co que tamén aforras en gastos”, destaca.

Como conclusión, Juan valora que “nesta primeira proba quedamos bastante contentos as dúas partes , e creo que cos anos esta colaboración cos agricultores da Limia vai ir en aumento nesta zona”.

Ensilando o millo na Limia para Cobideza: 

Una idea sobre “As vacas de Lalín xa comen o millo cultivado na Limia

  1. Sara Varela

    Lóxico. Hai miles de ha concentradas en Ourense que só producen lumes, cando deberían de estar en producción, polo civil ou polo criminal.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información