Vacas contra chalés, o caso da Sionlla

Un gandeiro do rural de Santiago, Jorge Piñeiro, mantén un contencioso contra unha decisión administrativa que lle impide levar as vacas cando queira a un prado situado á beira dunha casa da aldea

Vacas contra chalés, o caso da Sionlla

Jorge Piñeiro, nun dos prados da súa explotación.

Reboredo, un lugar da Sionlla, é probablemente a aldea de Santiago de Compostela con máis vacas. Ten media ducia de explotacións, a maioría de leite, e suma máis de 500 animais. Foi de sempre unha aldea gandeira, pero hai cinco anos xurdiu un conflicto inesperado. Un chalé do lugar opúxose a que as vacas utilizaran un prado que quedaba á beira da vivenda e iniciou unha campaña de denuncias de tal situación ante o Concello de Santiago.

O conflicto afecta a unha parcela dunha hectárea de Jorge Piñeiro, un gandeiro certificado en produción ecolóxica que manexa na actualidade arredor de 30 hectáreas, con 21 vacas en muxido, vacas secas e xovencas que rotan polos distintos prados da gandería. O problema céntrase só na parcela situada á beira dunha casa do lugar e resúmese nun conflicto a tres bandas entre a gandería, os propietarios da casa e a presidenta da asociación de veciños Ponte Sionlla, que tomou partido pola vivenda.

A finca en cuestión é a máis próxima á granxa, coa vantaxe que lle supón tela a pouco máis dun cento de metros da corte, o que lle permite utilizala, xunto ó resto das fincas, para o descanso dos animais, para o pasto e para que as vacas estean ó aire libre. “Non hai ningunha normativa que me prohiba levar alí as vacas, como fixen sempre”, valora o gandeiro.

Os propietarios da vivenda, sen embargo, pensan distinto. Cando comezou o conflicto, no 2014, lograron que o Concello de Santiago, daquela gobernado polo PP, multase á gandería polas defecacións que as vacas deixaban na vía pública, na pista de acceso ó prado. Aquelas multas, que saltaron a tódolos medios de comunicación galegos polo seu carácter disparatado, foron só o comezo dun conflicto que continúa, se ben o gandeiro agarda que se chegue a unha solución “empregando o sentido común”.

Prado obxecto da polémica, coa casa denunciante ó fondo.

Prado obxecto da polémica, coa casa denunciante ó fondo.

Resolución do Concello
O último episodio foi a decisión do Concello de Santiago de limitar os días de utilización do prado polas vacas. En base a un informe dunha enxeñeira agrícola, o Concello acordou que en cada mes, as vacas non puidesen entrar no prado máis de 4 días seguidos e outros dous salteados.

Antes de tomar esa resolución, o Concello, gobernado por Compostela Aberta, explica que lle remitiu un escrito ó gandeiro dándolle audiencia, co obxectivo de buscar unha solución que evitase a apertura de expedientes; pero iso fracasou, segundo asegura o Concello,

O Concello procedeu a abrir entón un expediente, “pois non se pode facer caso omiso a denuncias veciñais” -argumenta-, e aprobou unha medida cautelar que restrinxía os usos da parcela ós indicados no informe técnico, no que se consideraba que se estaba facendo un “mal uso” do prado.

O afectado recurriu entón á xustiza, unha vez agotada a vía administrativa, e mantén abertos varios contenciosos. O conflicto alóngase xa desde hai cinco anos, pero Jorge Piñeiro é optimista e agarda que o problema se resolva dunha forma lóxica, aplicando o sentido común.

“Hai a idea de que os animais non poden estar fóra, cando están mellor nun prado que na corte”

A Asociación para a Desintensificación do Agro, na que participan un grupo de gandeiros galegos en extensivo, vén de expresar o seu apoio ó gandeiro da Sionlla afectado polo conflicto veciñal. O colectivo, que avoga por unha produción agraria compatible co medioambiente, cuestiona a decisión do Concello de Santiago de limitar o tempo de uso do prado polas vacas. “Comeza a haber unha certa idea social de que as vacas non poden estar fóra, cando a realidade é que están mellor no prado que na cuadra”, explica un representante da asociación, coñecedora do caso da Sionlla.

En canto ó tempo de uso da parcela en cuestión, a Asociación entende que debe ser decidida pola gandería en función das súas condicións de produción. “Que nun momento dado se decida usar máis unha parcela pode ser un xeito de deixar que se recupere o pasto noutras fincas”, valoran.

A Asociación, por último, recoñece que as vacas poden ocasionarlle algunha molestia á casa veciña do prado, se ben tamén valora que “así é o mundo rural galego”.

Gandería convertida á agricultura ecolóxica tras a crise do 2015

Nunha das últimas crises do leite, a gandería de Jorge Piñeiro foi unha das que se viu máis contra as cordas, con prezos do leite de 18 céntimos. “A industria que nos recollía dicíanos ‘Aguanta, aguanta’, pero a pouco máis temos que pechar”, lembra Jorge. “Chegamos a producir naquela época máis de 20.000 litros ó mes, pero canto máis produciamos, máis nos empeñabamos”.

Pouco despois, a gandería decidiu apostar pola produción ecolóxica, un sistema no que xa leva un ano certificada, tras dous previos de periodo de transición. “Agora teño menos vacas e produzo só 6.000 litros ó mes, pero traballo cun modelo de custo mínimo, as vacas enferman menos e iso repercúteme positivamente nos ingresos”, resume o produtor.

A explotación deixou de cultivar millo cando se pasou a ecolóxico e adica todas as súas terras a prados, tanto para pastos como para silo de herba e herba seca. “Na actualidade, toda a alimentación que lle dou ás vacas prodúzoa eu e teño ós animais nunha boa condición”, asegura Jorge Piñeiro. De cara ó futuro, a gandería valora incorporar unha ración de 2 quilos de penso ecolóxico por animal e día para complementar a forraxe.

Outro cambio que baralla a granxa é a reducción de muxidos, pasando a un só muxido diario, aínda que é unha cuestión que polo momento non aborda, pois repercutiríalle nun descenso de produción de leite nun intre no que xa se está movendo en baixas entregas.

De cara a facilitar o manexo dos animais, que agora teñen que transitar dúas veces ó día entre os prados e a sala de muxido, a gandería valora tamén distintas opcións. Unha podería consistir na compra dun sistema de muxido móbil, para muxir ás vacas no propio prado. Outra posibilidade pasa por acondicionar unha antiga corte, construída no 1975, para utilizala alomenos no inverno cun sistema de cama quente. Calquera das dúas alternativas contribuiría, ademais de a reducir traballo, a diminuír a conflictividade co chalé que iniciou o conflicto veciñal.

O gandeiro lamenta que para acometer calquera desas alternativas precisa dun investimento que non pode executar nestes momentos, en parte polos gastos derivados do conflicto aberto coa finca da polémica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información